AS MIÚDAS CAMPIÓN DO “I TRIANGULAR DE FÚTBOL FEMININO DE CORME”.

ED As Miúdas

As Miúdas proclamáronse campioas do I Triangular Feminino Corme CF

As Miúdas, Paiosaco e Cee convertiron O Cairo nunha gran festa do fútbol feminino na que as muradanas non acusaron as numerosas baixas coas que contaba e se proclamaron campioas do I Triangular Feminino Corme CF logo de empatar coas verdibrancas e vencer ás da vila da Xunqueira.

 

ED Os Miúdos 0–0 UD Paiosaco

Partido con alternancia de dominio, no que os dous equipos se mostraron un tanto espesos na elaboración de xogo e debido a isto, as ocasións practicamente brillaron pola súa ausencia, e tan só se puideron ver dous achegamentos de certo perigo por parte de cada un dos conxuntos, polo que o encontro remataría co resultado inicial.

Pero na tanda de penaltis de desempate, as muradanas estarían máis acertadas e levaríanse ese punto extra despois do 3-2 co que remataron os lanzamentos dende os once metros.

 

UD Paiosaco Feminino

UD Paiosaco 4–4 UC Cee

Loucura de goles a que se puido ver entre os equipos de Rafa Suárez e David Castro, nun que encontro no que as da vila da Xunqueira entraron moito mellor poñendo un claro 0-3 no luminoso nos primeiros vinte minutos e cando parecía que o Paiosaco estaba totalmente sentenciado, as verdibrancas reaccionaron e lograron darlle a volta ao marcador con catro goles que deixaban o 4-3 no electrónico.

Pero cando se estaba chegando ao minuto 45, un gol de Lucía Canosa deixaba o definitivo 4-4 no marcador, polo que habería unha nova tanda de penaltis, na que desta volta, o Paiosaco sería quen estivo máis acertado para levarse o punto extra.

 

UC Cee Feminino

ED Os Miúdos 1–0 UC Cee

Como xa sucedera nos anteriores encontros, a igualdade foi a tónica predominante deste partido no que houbo moitas idas e voltas por parte de ambos conxuntos e que se resolvería a prol das rapazas de Fran Figueroa logo de que a gardameta ceense introduxese na súa propia portería un disparo repelido polo pau, mediado o encontro.

A partir deste tanto, ambos equipos buscarían o gol, as muradanas para sentenciar o partido e as ceenses para devolver as táboas ao marcador, pero este non se movería e o 1-0 serviríalles ás Miúdas para proclamarse campioas deste I Triangular Feminino Corme CF, o cal foi unha gran festa do fútbol feminino.

A concelleira de Turismo, Deporte, Festexos e Dinamización Económica, Raquel Fondo; o Tenente de Alcalde e concelleiro de Obras, Servizos, Infraestruturas e Urbanismo, Miguel Ángel González; e a vicepresidenta do Corme CF, Higinia Vidal; foron @s encargad@s de facer entrega dos trofeos aos tres equipos participantes nesta nova iniciativa que puxeron en marcha dende o clube cormelán coa colaboración do Concello de Ponteceso.

 

-Un artigo e fotos de David Castro para www.piratasdemuxia.es-

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es