Centos de afeccionados, equipos de Galicia, España e Portugal e unha causa que emociona: axudar ás “Princesas Rett” a través do fútbol veterano.
Hai eventos deportivos que van moito máis alá dos resultados. Son deses que deixan pegada, que unen persoas e que converten un campo de fútbol nun lugar cheo de emocións. Iso foi o que aconteceu o pasado verán no Municipal das Eiroas e o que volverá suceder os próximos 18 e 19 de xullo coa celebración do II Torneo Internacional Costa da Morte Benéfico, orgañizado polo CF Cances.
A primeira edición marcou un antes e un despois no fútbol veterano da comarca. Equipos chegados de diferentes lugares, unhas bancadas cheas durante toda a xornada e un ambiente de convivencia poucas veces visto nesta categoría converteron Carballo no epicentro do fútbol solidario. A gran final enfrontou ao Deportivo de Veteranos e ao Peloteros, proclamándose campión o conxunto de ex xogadores deportivistas tras impoñerse por un axustado 1-0.
Aquel éxito organizativo e de participación na primeira edición, digamos de proba, serviu de impulso para unha segunda edición nada máis rematar aquela e que desta volta tal e como xa tiñan na mente os orgalizadores abrir a participación a máis equipos. Ese éxito sumou máis colaboracións e a mesma ilusión de seguir axudando ás familias afectadas polo Síndrome de Rett.
“Cada vez queda menos para que a nosa Costa da Morte volva vestirse de solidariedade. Durante estes meses fomos presentando un a un os equipos que se unirán a esta gran familia para vivir unha fin de semana inesquecible”, explica Yolanda Duarte, presidenta do CF Cances e principal impulsora desta iniciativa.
Durante os últimos meses, como nos conta a presidenta da orgañización foi dando a coñecer os nomes dos equipos que formarán parte desta gran festa do deporte e da solidariedade. Sobre o céspede das Eiroas daranse cita conxuntos procedentes de Galicia, Asturias, León, Zamora, Portugal, Granada e doutros puntos da xeografía española.
Entre eles estarán Veteranos Oza, San Román, Deportivo Carballo, Rossonero, Bombeiros de Narón, Medal, Valle de Laciana, Xuventude de León, Racing Clube de Portugal, Amigos de Celeiros, Veteranos de Zamora e Futboleros de Granada, ademais doutros equipos que completarán un cartel de auténtico luxo.
“Conseguimos reunir equipos chegados de diferentes puntos de Galicia, Asturias, León, Zamora, Portugal, Granada e doutros lugares de España. Para nós é unha enorme satisfacción ver como cada ano máis persoas queren formar parte desta causa”, destaca a presidenta.
A resposta da comarca está sendo unha vez máis exemplar. Numerosos clubs e empresas xa realizaron doazóns de camisolas e diferentes agasallos destinados aos sorteos benéficos que se celebrarán durante a fin de semana. As rifas xa están dispoñibles desde o pasado 10 de xuño no Bar Xinea, Gráficas Gobs, LMsportfinest e na perruquería de Noelia, nai da pequena Daniela.
“Seguimos sumando colaboradores, voluntarios e persoas que achegan o seu gran de area para que non falte comida, sorteos, sorpresas e, sobre todo, moita humanidade durante toda a fin de semana”, sinala Yolanda Duarte, agradecendo a implicación de todos aqueles que están a facer posible o evento.
“As Princesas Rett” desta edición.
Porque detrás de cada partido existe unha razón moito máis importante. Todo o recadado irá destinado á Asociación Princesa Rett, entidade que promove a investigación e ofrece apoio ás familias afectadas polo Síndrome de Rett, unha enfermidade rara de orixe xenética que afecta principalmente ás nenas e que provoca graves dificultades na mobilidade, na comunicación e na autonomía.
“Todo o que facemos ten un único obxectivo: axudar ás nosas Princesas Rett. Cada partido, cada rifa vendida, cada colaboración e cada aplauso son unha pequena esperanza para elas”, afirma a presidenta do CF Cances.
O torneo leva o nome da súa Morocha, Daniela, convertida xa nun símbolo desta gran familia solidaria que ano tras ano continúa medrando.
Os días 18 e 19 de xullo, Carballo volverá demostrar que o fútbol pode ser moito máis ca un deporte. Nas Eiroas xogaranse partidos, entregaranse trofeos e celebraranse goles, pero a verdadeira vitoria volverá estar fóra do terreo de xogo: na solidariedade de toda unha comarca unida por unha mesma causa.
“Este torneo leva o nome da nosa Morocha, Daniela. Porque mentres haxa persoas dispostas a axudar, seguiremos loitando para que as nosas princesas teñan un futuro mellor. Grazas a todos por formar parte desta gran familia solidaria”, conclúe Yolanda Duarte.
Na foto de portada o día de presentación en Carballo que este ano será en principio a finais deste mes.
.
-Fotos e información : a orgañización
-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”