As Bestas proclámase campión do “V Torneo de Fútbol 7 da SD Castriz”.

O “V Torneo de Fútbol 7 da SD Castriz” puxo o broche de ouro a unha intensa fin de semana de fútbol no campo municipal de San Pedro, onde finalmente foi o conxunto As Bestas o que levantou o trofeo de campión tras superar ao Brasería Carballo nos penaltis, xa que no tempo de xogo o resultado que rexistraba o marcador era de empate a dous, (2-2), nunha competición na que participaron 28 equipos.

Como xa vos contaramos en piratasdemuxia cando se abriu o prazo de inscricións, a cita organizada pola SD Castriz, chegaba por quinta vez ao feudo no que xogan os seus equipos, o San Pedro de Castriz e volveu para converterse nun dos torneos de verán de referencia da comarca, reunindo centos de xogadores e afeccionados durante toda a fin de semana.

Nesta quinta edición, ademais da igualdade sobre o terreo de xogo, os participantes tiveron que facer fronte ás altas temperaturas, que marcaron boa parte dos encontros e engadiron un punto máis de esixencia física ao torneo.

Ao remate da competición, a organización quixo agradecer a implicación de todos os asistentes: “Queremos agradecer de corazón a todos os equipos participantes, ás súas familias, ao numeroso público que nos acompañou durante toda a fin de semana e, moi especialmente, a todas as persoas voluntarias, colaboradores e membros da organización que traballaron sen descanso para que todo saíse á perfección”.

-Cadro de honra-

 Campión (Premio Carpintería Fidalgo): As Bestas

Subcampión (Premio Xestoría Geyne): Brasería Carballo

 Terceiro posto (Premio Restaurante Tío Paco): Facal Construvi

Cuarto posto (Premio Cristalería Vilas): Pavimentos Gómez

A quinta edición do torneo confirma, unha vez máis, o éxito dunha competición que segue medrando ano tras ano e que volveu encher de ambiente deportivo o campo de San Pedro grazas á elevada participación e ao respaldo do público durante toda a fin de semana.

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Foto e información : Prensa SD Castriz