ARTIGO DE AUTOR : “O regreso a Primeira e as preguntas non procedentes”…Por Rubén García.

Oito anos, dous meses e vinte e oito días. 3.011 días sen fútbol de Primeira en Riazor. O regreso merecía unha noite para falar de fútbol. E durante bastante tempo, o Dépor encargouse de que así fose.

Sobre todo nunha primeira metade que deixou motivos para o optimismo. O equipo competiu sen complexos e transmitiu a sensación de estar preparado para algo máis que sobrevivir. E, de paso, dúas das grandes apostas do verán tardaron pouco en presentar as súas credenciais.

Aubameyang necesitou vinte minutos para explicar por que o Deportivo decidiu fichar un dianteiro de 37 anos. O control coa dereita foi exquisito; o remate coa esquerda, inmediato. Hai dianteiros que necesitan levantar a cabeza para localizar a portería e outros que, despois de toda unha vida marcando goles, simplemente saben onde está. O gabonés é dos segundos.

Leo Román deixou outra resposta sobre o céspede. O Deportivo pagou nove millóns por un porteiro, unha cantidade suficientemente importante como para que cada erro vaia ser examinado con lupa. Na estrea foi ao revés: cando o Elche medrou na segunda metade apareceu unha man extraordinaria para evitar o gol. O primeiro día comezou a xustificar a aposta.

E no medio das grandes fichaxes estaba Diego Villares. Hai non tantos anos xogaba co Racing Villalbés en Terceira División. O luns estreouse en Primeira. Poucas traxectorias explican mellor todo o que lle pasou ao club durante estes oito anos.

O fútbol, en definitiva, deixou unha boa primeira impresión. O ambiente foi outra cousa. Mentres Riazor estreaba os seus novos e luxosos espazos de hospitality, boa parte da afección decidiu acudir vestida de laranxa e Marathón fixo visible o seu descontento. Dúas maneiras moi diferentes de entender a modernización dun estadio convivindo na mesma noite.

A protesta podía gustar máis ou menos. Podía considerarse xusta, desproporcionada ou inoportuna. Precisamente por iso había que preguntar por ela. E aí chegou probablemente a imaxe máis incómoda da estrea. Xa fóra do céspede, cando Javi Torres (Radio Galega) preguntou a Ximo Navarro polo ambiente do partido e da afección, foi interrompido cun: «Esa pregunta no es procedente». E a pregunta non continuou.

Curiosa maneira de rematar unha noite na que o Deportivo quería ensinar que regresou á elite tamén como club.

Sobre o campo hai argumentos para ilusionarse. Aubameyang demostrou que a idade non lle impide saber onde está a portería, Leo Román que un porteiro tamén pode valer nove millóns e Villares que desde a Terceira se pode chegar ata Primeira. Fóra del, a sensación foi bastante máis estraña.

Despois de 3.011 días, Riazor recuperou o fútbol de Primeira.

As preguntas incómodas tamén forman parte del.

-Texto : Rubén García