Hai xente que se fai dun equipo cando gaña. Outros quedan cando perde. E despois están os que permanecen cando xa case non quedan motivos para explicar por que seguen aí. Non é o único, pero Xosé Búa é destes últimos.
Este mércores, 9 de setembro, estivo de aniversario o presidente da Peña Deportivista Os Piratas de Muxía. Para case todos, O Pirata. Para min, ademais, o meu tío. E probablemente por iso resulte difícil escribir estas liñas sen que apareza algo persoal. Pero tamén por iso sei que poucas persoas mereceron tanto como el volver ver o Deportivo en Primeira. Porque para chegar ata aquí houbo que atravesar moito mar.
Houbo Champions, títulos e domingos nos que levar unha camiseta do Depor parecía o máis sinxelo do mundo. Pero tamén chegaron os descensos, Segunda, Segunda B, Primeira Federación, partidos que nunca imaxinamos xogar e campos que tivemos que aprender a localizar no mapa. Houbo decepcións que parecían definitivas e veráns nos que reconstruír o club era case tan difícil como reconstruír a ilusión.
Pero O Pirata seguía alí. Desde Muxía. Quizais por iso o alcume lle queda especialmente ben. Porque un pirata non escolle o mar só cando está tranquilo. Poucas travesías futbolísticas tiveron tanto mar de fondo nos últimos anos como a do Deportivo.
Os Piratas de Muxía tampouco é simplemente o nome dunha peña. É unha maneira de explicar ata onde chega o Depor. De demostrar que Riazor non remata na Coruña. Que hai quilómetros de estrada, viaxes, comidas, conversas, derrotas dixeridas á volta e vitorias que parecen durar ata o seguinte domingo. Que un club tamén existe porque hai xente disposta a levalo consigo cando se afasta do seu estadio.
Xosé fíxoo durante anos. E apenas dous días despois do seu aniversario chega outra das datas marcadas en vermello para calquera muxián. Hoxe comeza a Romaría da Barca. Muxía cambia de ritmo, as rúas énchense e miles de persoas regresan a unha vila que durante estes días parece multiplicarse.
Nunca foi unha mala semana para cumprir anos sendo O Pirata. Porque se algo teñen en común A Barca, Muxía e o Depor é esa capacidade para transmitirse de xeración en xeración. Hai sentimentos que non dependen dunha clasificación, dunha categoría ou dun resultado. Mantéñense porque sempre hai alguén disposto a levalos consigo. E Xosé sempre estivo aí.
Por iso penso nel cando vexo este inicio de tempada. Hai quen chegou agora e ten todo o dereito a gozar deste momento. Pero hai outros aos que este momento lles debía algo.
O Pirata é un deles. Merecía o ascenso porque estivo cando subir parecía unha obriga e tamén cando acabou converténdose nunha obsesión. Merecía volver a Primeira porque acompañou ao Depor cando a categoría deixou de importar e o único realmente importante era que o Deportivo sobrevivía. E merece especialmente este inicio porque, despois de tantos anos mirando cara arriba, por fin pode ver un partido pensando máis no que pode conseguir o equipo que no que pode perder.
Non sabemos onde acabará este Depor. E probablemente esa sexa unha das cousas máis bonitas deste setembro. É demasiado cedo para poñerlle teito e tamén para esquecer de onde vimos.
Precisamente por iso convén mirar atrás de vez en cando. Non para vivir da nostalxia. Para lembrar a todos os que empurraron cando non había nada que celebrar. Os clubs adoitan contar a súa historia a través dos futbolistas, dos adestradores, dos presidentes, dos ascensos e dos títulos. Pero existe outra historia que non aparece nas vitrinas. A dos que collen o coche ou o autobús. A dos que fundan unha peña. A dos que organizan unha viaxe. A dos que discuten unha aliñación durante unha comida. A dos que regresan cabreados despois dunha derrota e sete días máis tarde están outra vez diante da televisión, na estrada ou na bancada. A historia dos que nunca marcharon.
Xosé Búa cumpriu anos o mércores. Hoxe comeza A Barca. E case parece que o calendario decidiu xuntar nunha mesma semana algunhas das cousas que mellor explican quen é O Pirata: Muxía, a súa xente, unha celebración e o Deportivo outra vez en Primeira.
Esta fin de semana Muxía volverá estar chea. E O Pirata continúa ao temón.
Parabéns, tío!!!.
Despois de todo o que navegaches con este escudo, xa tocaba que un setembro viñese cargado de tantos motivos para celebrar.
Parabéns, tío Pirata!.
–
-Texto : Rubén Garcia
–
