Hai silencios que din moito máis ca un estadio cheo cantando. Riazor levaba semanas vivindo un deses. O conflito entre o club e parte da súa afección convertera o regreso a Primeira nun escenario estrano, demasiado afastado daquilo que durante tantos anos fixo especial xogar na Coruña. O acordo chegou esta semana. Faltaba comprobar se tamén regresaría o de sempre. E regresou.
Durante os once primeiros minutos, Riazor permaneceu en silencio. Era a última parte da protesta. Pero nada máis entrar o partido no minuto 12, a bancada recuperou a voz. Volveron os cánticos, o ruído e esa sensación tan difícil de medir nunha estatística pero tan fácil de recoñecer cando un está alí: Riazor volvía soar como Riazor.
O fútbol decidiu acompañar a escena. Non pasara nin un minuto desde que rematara o silencio cando Luismi puxo un córner na área e Tárrega acabou introducindo o balón na súa propia portería. Oficialmente foi un autogol. Sobre o céspede, todos correron cara a Ximo Navarro para celebralo con el.
A secuencia foi case demasiado perfecta: once minutos de silencio, Riazor recupera a voz e, segundos despois, o Depor marca.
Pode ser casualidade. Seguramente o sexa. Pero o fútbol ten esa capacidade para colocar determinadas escenas no momento exacto. E despois de semanas de desencontro entre o club e a súa xente, poucas podían representar mellor o que necesitaba o Deportivo: que Riazor volvese empurrar e que o equipo respondese.
O Depor volveu adiantarse pronto, como contra o Elche, pero esta vez o importante non foi só marcar primeiro. Foi o que veu despois. Hidalgo sorprendeu coa titularidade e o debut en Primeira de Riki e, sobre todo, cunha novidade que cambiou a cara do equipo: dous dianteiros desde o inicio, Aubameyang e Nsongo Bil. Amatucci sostivo o medio e Mario Soriano, máis liberado, atopou espazos para facer dano.
Durante uns minutos, o Valencia non soubo por onde lle viña o Depor. E antes do 17 apareceu AUBAMEYANG. Unha falta lateral a favor do Valencia acabou convertida nunha transición do Dépor. Mario Soriano viu o espazo e Aubameyang fixo o resto. Carreira, control e definición. Maxia executada á velocidade á que se deciden os partidos en Primeira.
Hai goles de Aubameyang e hai goles que explican por que Aubameyang segue xogando aquí aos 37 anos. O gabonés marcou nas tres primeiras xornadas e cada vez parece máis evidente que o seu DNI conta unha cousa e o seu fútbol outra.
O Deportivo estaba facendo probablemente os seus mellores minutos da tempada cando Ede recordou unha das leis máis antigas desta categoría: os erros páganse. Arriscou cun pase horizontal e o Valencia castigou por medio de Sadiq. Unha acción demasiado parecida á de Villares en Málaga, aínda que aquela rematara no longueiro e esta acabou dentro.
O gol devolveu o Valencia ao partido e Javi Guerra chegou a ter o 2-2 xusto antes do descanso. Pero nin sequera iso debería cambiar a lectura: foron os mellores 45 minutos do Depor no que vai de tempada.
Na segunda parte apareceu o outro protagonista. Bil non é Aubameyang. Nin falta que fai. Non é o máis vistoso nin probablemente o máis talentoso, pero ten unha virtude que tamén gaña partidos: cre. Corre cando parece que non chega, insiste cando o balón parece perdido e incomoda ata conseguir que algo suceda.
Así naceu o 3-1 no minuto 59. Foi unha acción de fe de Bil que acabou provocando o segundo gol en propia porta do Valencia. Nas estatísticas non aparecerá o seu nome como goleador, pero o tanto foi difícil de explicar sen el.
Aubameyang e Bil resumiron dúas maneiras completamente distintas de ser dianteiro. Un fai que o difícil pareza sinxelo; o outro fai posible o que parecía perdido. Un puxo a clase. O outro, a insistencia. E Hidalgo conseguiu que durante boa parte do partido esas dúas características convivisen.
O Valencia ofreceu unha imaxe moi pobre en Riazor, pero tamén hai que obrigar aos rivais a parecelo. O Deportivo foi serio, intenso e por momentos claramente superior. O 3-1 foi máis que merecido e só a segunda amarela e conseguinte expulsión de Alti no último minuto deixou unha mancha innecesaria nun partido practicamente resolto.
Despois de semanas falando do palco, da bancada, da cor laranxa, de preguntas procedentes ou improcedentes e dun conflito que estaba ocupando demasiado espazo, o domingo deixou por fin unha imaxe diferente.
Durante once minutos non se escoitou case nada. No doce, Riazor recuperou a voz. E esta vez, o Dépor soubo escoitala.
–
O vídeo amosa o intre xusto que se comezou a animar e xusto antes do gol.
–
-Texto : Rubén García
-Foto e vídeo : Xosé Búa “Pirata”
–
