ARTIGO DE AUTOR : “O meigallo de Capdevila”…Por Rubén García.

Hai historias que só poden pasar no fútbol. Nun deporte cada vez máis dominado polos datos, a tecnoloxía e a análise milimétrica, una das imaxe máis fermosas da final da Copa do Mundo non foi un gol nin unha parada. Foi unha moeda.

Joan Capdevila contou que antes da final en Sudáfrica en 2010 contra Holanda enterrou unha moeda no céspede como un pequeno ritual persoal. Dezaseis anos despois, antes da final contra Arxentina, pediulle a Marc Cucurella que repetise exactamente o mesmo xesto. España volveu proclamarse campioa do mundo.

España non gañou por unha moeda. Nin Capdevila o cre. Pero tampouco é iso o importante. O realmente bonito é que un campión do mundo decidise compartir ese pequeno segredo cun futbolista doutra xeración. Un xesto íntimo convertido nunha herdanza. Un símbolo de confianza. Unha maneira de dicirlle a Cucurella: “Agora tócache a ti”.

E hai algo nesa historia que nos resulta especialmente familiar. Porque Capdevila foi xogador do Depor. Viviu A Coruña, defendeu a camisola branquiazul e levou un anaquiño desta terra consigo. Quizais por iso non custa imaxinar que aquel ritual tivese algo dese meigallo tan noso, desa forma tan galega de entender que hai cousas que non precisan explicación para ter significado.

En Galicia sempre convivimos co invisible. Non porque creamos na maxia, senón porque sabemos que hai tradicións, costumes e pequenos rituais que unen ás persoas moito máis ca calquera discurso. O fútbol tamén funciona así.

Os grandes clubes constrúense arredor dunha identidade que pasa dunha xeración á seguinte. O Deportivo sabe ben o que significa iso. Hai valores que non aparecen en ningún libro de estilo nin en ningunha estatística. Apréndense compartindo vestiario, escoitando aos veteranos e entendendo o peso dun escudo.

Por iso a historia da moeda emociona tanto. Porque non fala de superstición. Fala de memoria. Da importancia de lembrar de onde vés para saber cara a onde vas.

Quizais, nalgún recuncho do estadio onde España volveu conquistar o mundo, quedou enterrada unha simple moeda. Ou quizais quedou algo moito máis valioso: a demostración de que o fútbol segue sendo un deporte no que tamén hai sitio para as historias, para os símbolos e para ese pequeno meigallo que, ás veces, acompaña aos que se atreven a soñar.

-Texto : Rubén García

-Foto : La Vanguardia