ARTIGO DE AUTOR : “O Brasil que volveu a Riazor coa Copa do Mundo”-Por Rubén García.

Aquí vos traemos a primeira entrega dun dos traballos que nos vai a ofrecer cada semana Rubén Gacía que foi no 2007 o creador do primeiro diseño da nosa web e que leva toda aunha vida entregada o fútbol afeccionado e de base tanto de xogador como de adestrador, en numerosos equipos e con tempadas de moito éxito, así como traballando e colaborando en medios de comunicación escritos e como locutor de radio. Trala merecida eliminación de Brasil do Mundial de México, EE UU e Canadá deste 2026 o noso colaborador, que xa nos ten traido máis dunha colaboración, fala do vínculo do Depor e de Riazor co mundial e con Brasil.

O Brasil que volveu a Riazor coa Copa do Mundo

A Vinicius, froito das súas perrenchas e polémicas, caeulle o alcume de Balón de Praia. Hai uns anos semellaría un sacrilexio facer unha broma así coa principal estrela de Brasil. Hoxe case soa a símbolo dos tempos. Porque a canarinha segue tendo praias de ouro, pero xa non produce aquel fútbol que durante décadas fixo do seu escudo o máis temido do planeta.

Hai trinta e dous anos, no último Mundial disputado nos Estados Unidos, a historia era ben distinta. Brasil regresou daquel torneo coa cuarta Copa do Mundo e A Coruña recibiu dous campións do mundo que vestían de branquiazul: Bebeto e Mauro Silva. O Deportivo estaba a piques de iniciar a etapa máis brillante da súa historia e aqueles dous brasileiros convertéronse no mellor símbolo dunha relación privilexiada entre Riazor e o país do jogo bonito.

Aquel Brasil non só gañaba, marabillaba. Tiña identidade. Tiña personalidade. Tiña futbolistas capaces de marcar unha época. Era unha selección á que o mundo miraba con admiración.

Tres décadas despois, outro Mundial disputado en Norteamérica deixa unha fotografía ben distinta. A canarinha fai as maletas antes do agardado tras caer diante da Noruega de Haaland. Nin a experiencia de Ancelotti, nin esa suposta flor que tantas veces acompañou aos grandes adestradores, foi quen de evitar unha eliminación que confirma o que leva tempo sendo unha evidencia: Brasil xa non marca o paso do fútbol mundial.

Resulta inevitable mirar cara Riazor. O Deportivo celebra o seu regreso á Primeira e, con el, tamén regresan os recordos dunha época na que o club foi unha pequena embaixada do fútbol brasileiro. Bebeto e Mauro abriron o camiño. Despois chegaron Donato, Rivaldo, Djalminha, Flavio, Luizão, Filipe, Sidnei… Uns fixeron historia, outros deixaron un recordo máis discreto, pero todos contribuíron a fortalecer un vínculo futbolístico pouco común entre A Coruña e Brasil.

Non era casualidade. Durante anos, Brasil exportaba talento coma quen exporta café. Entre 1997 e 2007, os brasileiros conquistaron cinco Balóns de Ouro: dous Ronaldo Nazário e un Rivaldo, Ronaldinho e Kaká. Desde entón, ningún. Case dúas décadas sen coroar ao mellor futbolista do planeta. Máis ca unha estatística, é o reflexo dun cambio de ciclo.

O contraste entre os dous torneos disputados nos Estados Unidos resulta case poético. En 1994, Bebeto e Mauro Silva volveron a Riazor coa Copa do Mundo. Quizais por iso este Mundial tamén esperte certa nostalxia na Coruña. Porque mentres o Deportivo inicia con ilusión unha nova etapa en Primeira, custa non lembrar aqueles anos nos que Riazor falaba brasileiro.

As praias de Brasil seguirán sendo un paraíso. Iso non cambiou. O que cambiou foi o fútbol. E quen viu a Bebeto acunando ao seu fillo nunha icónica celebración, a Mauro Silva gobernar o centro do campo ou a Djalminha converter cada partido nun espectáculo sabe que hai tesouros que non se atopan na area, senón na herba.

-Texto : Rubén García

-Foto : Google Images

-Fotomontaxe : piratasdemuxia.es