No fútbol tamén hai asistencias que non aparecen nas estatísticas. Charlie Patiño chegou ao Deportivo no verán de 2024 coa etiqueta de ser unha das maiores promesas da canteira do Arsenal. Dous anos despois, o balance segue lonxe do que moitos agardaban: 38 partidos oficiais e unha sensación de que o seu talento aínda non acabou de aparecer en Riazor.
Por iso resultou chamativa unha das confesións de Pierre-Emerick Aubameyang na súa presentación. O dianteiro gabonés explicou que, cando comezaron os rumores sobre a súa chegada ao Deportivo, Patiño escribiulle para falarlle ben da cidade e do club. Non foi o motivo principal da súa fichaxe, pero si unha opinión que axudou a reforzar unha decisión que tamén se apoiou na historia do Dépor e na conversa con Antonio Hidalgo.
A historia ten o seu punto de ironía. Un futbolista que aínda busca consolidarse no equipo acabou facendo de anfitrión para un futbolista chamado a marcar diferencias. E probablemente non haxa mellor noticia para o Deportivo que esa.
Porque é difícil recomendar un lugar no que un non se sente a gusto. Patiño chegou como unha aposta de presente e futuro, o camiño non foi sinxelo, pero algo debe atopar na Coruña para ser un dos primeiros en animar a Aubameyang a vestirse de branquiazul.
Agora tócalles falar sobre o céspede. A un, demostrando que aínda pode converter en realidade todo o que prometía en Hale End. Ao outro, achegando os goles e a experiencia polos que o Deportivo apostou.
Á fin e ao cabo, o mellor aval dun club non sempre é o que din os seus dirixentes. Ás veces é o que conta un futbolista que xa leva dous anos vivíndoo desde dentro.
–
-Fotomontaxe : Xosé Búa “Pirata”/IA
-Texto : Rubén García
–
