O porto deportivo de Muxía volverá ser unha das paradas destacadas da XI edición da travesía náutica O Camiño a Vela, unha iniciativa que une mar, cultura, turismo e peregrinación a Nosa Señora da Barca e finalizando coma sempre cunha andaina desde Padrón ata Santiago de Compostela.
Como xa aconteceu nas dez edicións anteriores, a Vila da Barca formará parte do percorrido desta singradura, consolidándose como unha das escalas imprescindibles da ruta marítima xacobea.
Desta volta saen do país vasco
A travesía arrancará mañán 6 de xuño en Hondarribia e durante máis dun mes percorrerá a costa cantábrica, (País Vasco, Cantabria e Asturias), e atlántica antes de chegar a Padrón e completar a pé os últimos quilómetros ata Compostela. En Galicia, as embarcacións farán escala en Ribadeo, Viveiro, Cedeira, Ferrol, A Coruña, Muxía, Muros, A Pobra do Caramiñal e Vilagarcía de Arousa.
A edición deste ano incorpora ademais unha importante novidade coa presentación de BluePath, unha aplicación impulsada pola Asociación Educación Azul que busca achegar ás novas xeracións as oportunidades formativas e laborais vinculadas á chamada Economía Azul. A ferramenta permite descubrir profesións relacionadas co mar, desde a bioloxía mariña e a oceanografía ata as enerxías renovables mariñas, a construción naval, a acuicultura ou a xestión portuaria.
Ao longo das distintas escalas celebraranse actividades divulgativas, encontros con profesionais e demostracións destinadas especialmente a mozos, familias e centros educativos, co obxectivo de dar a coñecer o potencial do sector marítimo como fonte de emprego, innovación e desenvolvemento sostible.
A organización destaca que o mar non só é un espazo para o lecer ou o deporte, senón tamén un ámbito con amplas posibilidades profesionais. Nese sentido, BluePath pretende conectar talento e vocacións coas necesidades dun sector considerado estratéxico para o futuro de Europa.
A travesía, que chega este ano á súa undécima edición, está consolidada como unha das iniciativas máis singulares do turismo náutico e da peregrinación marítima en España. Ademais de promover a cultura mariñeira e o patrimonio costeiro, reforza o seu compromiso coa sustentabilidade e coa divulgación da importancia económica e social do mar.
As embarcacións do Camiño a vela o ano pasado en Muxía.
A presenza de Muxía no itinerario mantense así como un dos puntos de referencia da ruta galega. O porto deportivo muxián volverá recibir aos peregrinos do mar, reafirmando a estreita vinculación da vila coa tradición xacobea e coas iniciativas que poñen en valor o seu carácter mariñeiro, ademáis o Marina Muxía está a ser nos derradeiros anos unha das do podio das 9 que existen en Galicia, punto de parada para os veleiros que veñen do norte e leste superando os 800 amarres de embarcacións distintas.
A 11ª edición de O Camiño a Vela conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia e coa colaboración de diversas entidades comprometidas co desenvolvemento sostible da Economía Azul. Repsol participa como patrocinador principal da edición de 2026, xunto con Touron/Mercury, B&G, Aqualia e o IME.
.
-Información e foto : Orgañización
-Texto e foto : Xosé Búa “Pirata”