Hidalgo comparece cun ton serio antes da visita a Ceuta marcado pola preocupación por Mella
O adestrador do RC Deportivo, Antonio Hidalgo, compareceu na rolda de prensa previa ao encontro deste sábado (21:00 horas) ante a AD Ceuta FC cun ambiente inevitablemente marcado pola preocupación pola lesión de David Mella. A noticia de que o extremo terá que desprazarse a Madrid para novas probas médicas deixou no vestiario un sentimento de incerteza que tamén se percibiu nas palabras do técnico.
Hidalgo recoñeceu que a situación non invita ao optimismo. Segundo explicou, tras as primeiras valoracións parecía tratarse dun golpe acompañado dun edema óseo, pero co paso dos días e ao reducirse a inflamación apareceron sinais que apuntan a unha posible lesión máis seria. O adestrador admitiu que agora mesmo no club hai máis preocupación que tranquilidade e que están á espera dunha segunda opinión médica para coñecer o diagnóstico definitivo.
O técnico lembrou que o xogador xa rematara o partido do pasado domingo contra o Granada CF con sensacións moi negativas no xeonllo tras un choque cun rival. “David notaba algo raro desde o primeiro momento”, explicou Hidalgo, quen tamén quixo destacar a fortaleza mental do futbolista e a importancia de acompañalo neste proceso mentres se confirma o alcance real da lesión.
Se finalmente se confirman os peores presaxios, o Deportivo podería perder a un dos seus futbolistas máis determinantes para o que resta de tempada. A ausencia de Mella, sumada á de Yeremay Hernández, deixa ao equipo sen dous xogadores especialmente decisivos no desequilibrio ofensivo e no un contra un.
No caso de Yeremay, Hidalgo explicou que a evolución está a ser positiva, aínda que sen precipitar prazos. O canario continúa recuperándose dun problema de pubis e xa vai incorporándose progresivamente a tarefas sobre o céspede. O técnico indicou que o proceso será gradual e que o corpo técnico irá valorando como responde o xogador antes de fixar unha posible data de regreso.
Ante este escenario, Hidalgo recoñeceu que o equipo terá que buscar solucións internas para cubrir esas ausencias. O adestrador apuntou que están a estudar diferentes alternativas e recolocacións no ataque, confiando no talento do resto do plantel para manter presenza en campo contrario e xerar situacións de perigo.
En canto ao partido de Ceuta, o técnico deportivista destacou o bo rendemento do equipo como visitante durante a tempada, un aspecto que queren manter nun campo sempre complicado. Hidalgo advertiu que se atoparán cun rival que compite moi ben e que, ademais, se mostra especialmente sólido cando xoga diante da súa afección.
Con todo, o adestrador insistiu na necesidade de manter a calma e a confianza no traballo realizado ata agora. A pesar das dificultades e das baixas sensibles, Hidalgo deixou claro que o equipo debe centrarse no partido e seguir competindo co mesmo compromiso para intentar sumar un novo resultado positivo lonxe de Riazor.
.
PARTE MÉDICO DE MELLA
O xogador do RC Deportivo David Mella viaxará nos próximos días a Madrid para someterse a unha nova avaliación médica da lesión no xeonllo esquerdo sufrida o pasado domingo, no encontro ante o Granada CF disputado en ABANCA-RIAZOR.
As primeiras probas realizadas o pasado luns 9 de marzo confirmaron que o futbolista presentaba unha edema óseo no seu xeonllo esquerdo. No entanto, unha segunda exploración revelou que o alcance da lesión podería ser maior.
Por este motivo, David Mella será valorado en Madrid polo doutor Manuel Leyes. Após a devandita avaliación, determinarase o tratamento a seguir e se o xogador debe someterse a unha intervención cirúrxica.
.
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”