Antonio Hidalgo chama a manter a calma e ir “ao límite” ante un Andorra en plena forma
O adestrador do Depor, Antonio Hidalgo, compareceu este venres antes do adestramento no Dépor Training Center para analizar o transcendental encontro deste Domingo en Riazor (14:00 horas), coincidindo co Día das Letras Galegas, diante do FC Andorra. O técnico branquiazul apelou á serenidade, á competitividade e á necesidade de sumar os tres puntos para seguir vivos na pelexa polos obxectivos da tempada.
Hidalgo confirmou que practicamente toda a plantilla está dispoñible, coa única dúbida de Patiño, que non puido adestrarse nos dous últimos días. Ademais, celebrou a decisión que permitirá contar con Yeremay: “É unha noticia moi boa, tiñamos moita fe en que prosperase. Temos a Yere no campo e con moita forza”.
Sobre o rival, advertiu do gran momento de forma do conxunto andorrano e da súa identidade futbolística moi marcada: “O Andorra leva moito tempo coa mesma filosofía. Están nun pico de forma moi grande”. O preparador deportivista destacou a capacidade asociativa e o dinamismo ofensivo dos de Eder Sarabia, insistindo en que o Dépor terá que saber interpretar o partido para facer dano: “Temos que saber o tipo de encontro que hai que xogar e buscar os seus puntos débiles”.
Tamén incidiu na importancia do ambiente que se vivirá en Riazor, cun estadio entregado nunha cita clave: “O máis importante é a ilusión que hai. Hai que saber tamén o sufrimento que aínda nos queda por vivir”. Nese sentido, asegurou que o equipo debe convivir coa presión e coa tensión competitiva propia do club: “O Dépor váinos curtindo aos que chegamos novos. Sabemos como funciona esta tensión, forma parte do club”.
Hidalgo restou importancia ao posible nerviosismo do vestiario e asegurou que o grupo mantén a tranquilidade necesaria para afrontar o duelo: “É ruído só. Intentamos controlar todos os aspectos do xogo coa máxima tranquilidade posible”.
Preguntado polos arbitraxes, evitou polemizar, aínda que pediu criterios máis uniformes: “Cada ano pasa o mesmo. Non desviamos a atención do partido, pero é importante unificar criterios”. Iso si, recoñeceu que tiña esperanzas de que Yeremay non fose sancionado tras a acción da pasada xornada: “Díxenlle ao árbitro no descanso que a forza dese empurrón tiña que dictaminala e que Yere non buscou simulación”.
No plano futbolístico, o técnico reclamou un Dépor agresivo e intenso preto da área rival: “Cantas máis situacións de estrés haxa na súa portería, mellor”. E reiterou que, a estas alturas do campionato, xa non hai marxe para especulacións: “Hai que sumar de tres. Non hai máis”.
Tamén puxo en valor o crecemento do equipo desde a súa chegada: “O equipo tivo unha evolución moi boa. Nos momentos difíciles seguimos evolucionando”. Ademais, mostrouse satisfeito coa implicación de toda a plantilla e coa xestión dos roles dentro do grupo, algo que considera clave neste tramo decisivo.
Sobre a canteira, destacou o traballo e a progresión de Bil e Noé, dous futbolistas nos que xa confiaba desde a súa chegada ao club: “Con eles hai que ter un proceso. Estou moi contento”.
Finalmente, Antonio Hidalgo resumiu a receita para afrontar este final de liga cunha mensaxe clara: “Sumar, estar vivos, competir sempre e ir ao límite”. Unha filosofía coa que o Dépor buscará este domingo, nun Riazor entregado, un triunfo imprescindible para seguir soñando.
.
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”