ANTONIO HIDALGO : “Serían tres puntos importantísimos, sabendo que eles tampouco sumarían”.

Riazor prepárase para unha noite grande ante o líder

O Dépor-Racing de Santander do vindeiro domingo a partir das 21:00 horas promete ser moito máis ca un simple partido de Liga. A pesar dun horario pouco amable para os milleiros de afeccionados que se desprazan desde distintos puntos de Galicia (especialmente para os máis vellos/as e nenos/as), Riazor vivirá unha noite especial, con actos musicais, xogos de luces e animación previa que converterán o estadio nun escenario á altura dun duelo grande.

E é que o rival ben o merece. O Racing chega á Coruña como líder da categoría, un feito que o técnico deportivista subliñou na previa: «É un partido grande e atractivo contra o líder. Os seus números din que son o mellor equipo ata o momento. Están facendo un gran traballo e sabemos da dificultade dos equipos de José Alberto», recoñeceu.

O adestrador avisou da esixencia máxima que suporá o encontro: «Vannos esixir moitísimo, temos que ter compromiso total sen balón», facendo un chamamento claro á bancada: «Animo a todo o mundo a estar o domingo ás nove. Riazor ten que empurrarnos moito, con ese punto de éxtase e de tolemia, sabendo que a clasificación di que hai un traballo detrás e coa igualdade máxima que hai».

Un rival con moitas variantes

Sobre o Racing de Santander, Hidalgo foi claro ao describir un equipo cunha identidade moi marcada: «Teñen unha idea moi clara do que queren ser, o máis importante é non desesperar. Teñen tanto volume ofensivo que che poden desesperar». Un conxunto capaz de competir «ao límite do regulamento» e de alternar presión alta, bloque baixo e transicións rápidas.

«Son capaces de vir buscarte arriba, de replegarse nun bloque baixo e de transitar. Teñen moitas variantes. Será un partido bonito no que a implicación ten que ser máxima neses dobres e triples esforzos», explicou, convencido de que o Dépor tamén fará dano: «Imos facerlles dano seguro e temos que conseguir que eses pequenos detalles caian do noso lado. Riazor vainos empurrar moitísimo e vai ser complicado para eles».

Nun duelo entre dous equipos claramente ofensivos, o técnico agarda un encontro aberto desde o inicio: «Veremos como se desenvolve, somos dous equipos moi ofensivos que van buscar a vitoria desde o primeiro minuto. Imos tentar conter ao rival e facerlles dano, minimizar o seu potencial e que o noso saia no seu máximo esplendor».

Situación médica e xestión de cargas

No apartado físico, Hidalgo pediu tranquilidade: «Son situacións propias da tempada, vai avanzando e hai máis sobrecargas do normal». Confirmou que, agás Patiño, todos adestraron con normalidade, mentres que Yeremay arrastra molestias desde comezos de ano: «Temos que ter coidado con el».

«Faltan un par de adestramentos para ver como chegan. Agardamos que hoxe poida adestrar Pati. Escudero e Ximo xa están adestrando con normalidade», engadiu, destacando tamén a evolución do lateral: «Ximo foi evolucionando e está empezando a liberarse; falarei con el para ver que sensacións ten».

Sobre Yeremay, insistiu en baixar a alarma: «Os futbolistas non son robots. Hai que entender as situacións e o esforzo que está facendo desde que cheguei. A evolución foi moi grande. Está preparado para sufrir; ao máximo nivel é difícil non ter molestias. Non é preocupante, pero temos que controlar esas cargas».

Un partido que chega demasiado cedo

O adestrador tamén reflexionou sobre o calendario: «Foi demasiado caprichoso; este tipo de partidos adoitan chegar a final de tempada, e queda moitísimo». Aínda así, recoñeceu a importancia do duelo: «É un rival directo ao que hai que competirlle. Serían tres puntos importantísimos, sabendo que eles tampouco sumarían».

Evolución constante do equipo

Hidalgo incidiu na necesidade de seguir medrando: «Como adestradores temos a obriga de escoitar ao equipo e ver que necesita en cada momento». Admitiu que houbo momentos nos que se perderon pezas clave, pero deixou clara a súa idea: «Non me gusta conceder, porque nesta categoría é vital encaixar pouco. Temos que facer que ese volume aumente e que, nos tempos con balón, sexamos capaces de empurrar ao rival no seu campo».

Riazor, o horario e o tempo

Sobre o contexto do encontro, explicou que o temporal parece dar unha tregua: «Semella que a fin de semana vai amainar e que para o partido non haberá temporal». Aínda así, recoñeceu as dificultades do horario: «É complicado, sobre todo para os nenos que ao día seguinte teñen colexio, pero entendo que é un partido grande e que a xente vai estar con nós».

Tamén deixou unha reflexión clara sobre o fútbol moderno: «É unha guerra perdida. O fútbol sempre foi ás cinco ou seis da tarde, pero hai temas económicos. Cando estás no sofá un domingo ás nove é perfecto, pero cando tes que vir ao campo…».

Mocidade, fondo de armario e confianza arriba

O técnico valorou a achega da xente nova: «A xente nova está para axudarnos, non para quedar ben de cara á galería. Noé foi entrando, entrena con nós e vemos o seu potencial».

Tamén destacou a importancia de ter todo o plantel enchufado: «Temos 24 ou 25 xogadores; canto máis xente teñas enchufada, máis opcións tes para escoller segundo o partido», sinalou sobre a substitución de Arnau.

Especialmente satisfeito amosouse co rendemento ofensivo: «Vexo a Samuele liberado. Houbo partidos nos que el facía o traballo e Zaka marcaba, e o outro día foi ao revés. Zaka fixo un gran partido, sobre todo sen balón», celebrando o paso adiante de ambos.

Un ambiente de noite grande

Con luces, música, animación e un rival de máxima entidade, Riazor prepárase para unha noite grande de fútbol. Un partido con ese plus especial no que a bancada pode marcar a diferenza e empurrar ao Dépor cara a tres puntos que poden resultar decisivos nunha liga marcada pola máxima igualdade.

.

-Foto montaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Vídeo : RC Deportivo