ANTONIO HIDALGO : ““Sei o que é o Dépor, o que sente a xente, e eu o que teño que facer é seguir traballando para estar moito tempo no Dépor”.

 

Antonio Hidalgo chama á ambición e á humildade na previa da visita ao Molinón

O Dépor afronta mañá sábado (21:00 horas) unha das citas máis esixentes deste treito final de tempada coa visita ao estadio do Molinón para medirse ao Sporting de Xixón. Na previa do encontro, o técnico branquiazul, Antonio Hidalgo, transmitiu confianza no traballo do equipo e puxo o foco na importancia de manter a regularidade competitiva, nunha semana marcada ademais pola súa renovación ata 2029, tal e como xa informamos.

O adestrador destacou que o camiño pasa polo esforzo diario e pola conexión coa afección: “O meu nivel de confianza é adestrar cada día ao 100%. Canto máis traballemos, máis preto estaremos. Sinto moito o cariño e a ilusión da xente, é o que nos ten que mover. Loitamos polos máximos obxectivos”, asegurou. Ademais, reafirmou o seu compromiso co club: “Sei o que é o Dépor, o que sente a xente, e eu o que teño que facer é seguir traballando para estar moito tempo no Dépor”.

Unha carreira de fondo

Sobre as expectativas arredor do ascenso, Hidalgo apostou pola prudencia e pola perspectiva a longo prazo. “Enténdoos, son novos e impulsivos. Pero os que levamos máis tempo nisto sabemos que todo vai estar moi igualado”, explicou, incidindo en que o equipo debe centrarse en competir semana a semana: “Temos que seguir pelexando por estar entre os seis primeiros, isto é unha carreira de longo percorrido”.

O técnico tamén valorou positivamente as renovacións de Soriano e Manuel Pablo, interpretándoas como unha consecuencia do bo traballo realizado: “Estou contento por eles. Quere dicir que o traballo se está facendo ben e que cando se cumpren obxectivos pasan cousas boas”.

Situación do cadro de xogadores

No plano deportivo, Hidalgo explicou que Yeremay continúa evolucionando progresivamente: “Ten que seguir pouco a pouco, atopando sensacións e recuperando o seu nivel”. Pola súa banda, Loureiro completou practicamente toda a semana a pleno rendemento, o que permite recuperar efectivos nunha posición condicionada pola baixa de Lucas.

Tamén deberá substituír a ausencia dun Stoichkov nun gran momento de forma: “Está nun pico de confianza, facendo goles, que é o que sempre fixo. Está a darnos moitísimo e intentaremos solucionar esa baixa con outro compañeiro”. A decisión final chegará preto do partido: “Temos diferentes posibilidades e perfís para esa posición e decidiremos que é o mellor para o equipo”.

Sobre a competencia no centro do campo e a ausencia recente de Riki no once inicial, foi claro: “Temos seis xogadores para esas posicións, aumenta a competitividade e fala moi ben do nivel do grupo”. Ademais, destacou a profesionalidade de Gragera: “Está aceptando unha situación difícil, pero compite e adestra moi ben. Ten as mesmas opcións ca calquera compañeiro”.

A forza da afección

Hidalgo tamén puxo en valor o momento emocional que vive o equipo xunto á súa afección: “Foi espectacular. Estamos nun gran momento colectivo e sentimos moito o que nos estamos xogando”. Agarda que o importante desprazamento de seguidores deportivistas a Xixón se traduza nun novo impulso: “Intentaremos darlles outra vitoria”.

Un Sporting perigoso con diferentes rexistros

Sobre o rival, o técnico advertiu das dificultades que presentará o Sporting de Xixón: “É un equipo que che vai poñer en ameaza constante, sobre todo ao espazo”, sinalou, destacando que conta cun bloque que leva tempo xogando xunto e con automatismos moi asentados.

Para competir no Molinón, considera clave igualar a intensidade: “Temos que igualar a intensidade, ser solidarios e aprender do que vai pasando nos partidos”. Ademais, lembrou que se trata dun plantel confeccionado para loitar polos postos altos ata o final da tempada.

Sobre a protesta anunciada no estadio asturiano, restoulle relevancia: “Eu só penso en nós, na nosa xente e no apoio que teñamos nós. Para min iso non é importante”.

A importancia do aspecto mental

Co pouco tempo de descanso entre partidos, Hidalgo recoñeceu que a preparación céntrase na recuperación física e no traballo táctico máis teórico. Nunha categoría marcada pola igualdade, destacou o peso do factor psicolóxico: “É un aspecto clave. Temos que saber convivir coas emocións, aceptalas e crer moito no equipo e nos xogadores”.

Por último, explicou a evolución do equipo tras as lesións de Mella e Yeremay: “Fixeron que tivésemos que tomar decisións diferentes. Agora somos capaces de ter máis control do partido, pero hai que confirmalo cada semana”.

O Dépor chega así ao Molinón nun momento de confianza colectiva, coa ambición intacta e coa idea clara que transmite o seu adestrador: seguir avanzando paso a paso nunha recta final que será esixente ata o derradeiro día.

.

-Vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”