ANTONIO HIDALGO : “Sabemos o momento que atravesan, pero tamén sabemos quen somos nós”.

 

Hidalgo chama á calma antes da gran cita en Castalia

O Depor afronta este domingo (21.00 horas) unha das saídas máis esixentes do curso. Castalia agarda aos branquiazuis cun Castellón en estado de graza, forte na casa e asentado nos postos altos da clasificación. Os albinegros ocupan a segunda praza, mentres que os nosos seguen ao acecho, a só dous puntos do ascenso directo. Un duelo de altura… pero sen dramatismos excesivos.

Antonio Hidalgo quixo afastarse de discursos grandilocuentes na previa e fuxiu de cualificar o choque como unha final. Para o técnico deportivista, a tempada aínda ten moito percorrido: “É un partido moi importante contra un rival directo, pero queda demasiado como para falarmos dunha final”. Iso si, recoñece a dificultade do reto e o bo momento do rival tras a chegada do novo adestrador: “Levan tempo cunha idea clara, agora están encaixando moi pouco e xerando moitísimo. Iso no fútbol márcao todo”.

O adestrador dos branquiazuis destacou tamén a boa dinámica coa que chega o equipo, tras dúas vitorias consecutivas, e confía en competir de ti a ti: “Temos que reducir o seu potencial e estar preparados para un partido vibrante, con alternancias. A nosa intención é clara: ir polos tres puntos”.


Intensidade máxima durante 90 minutos

Hidalgo agarda un encontro de máxima esixencia física e mental. O Castellón, explica, “apreta moitísimo, mete intensidade constante e acumula xente por diante do balón e na área”. Por iso, o Depor deberá manter a concentración durante todo o partido, sen reservar esforzos: “Hai que competir ao límite en cada acción, iso é o que nos vai achegar á vitoria”.

Nese contexto, o técnico insiste na importancia de saber ler o partido: estar sólidos sen balón, ser precisos na saída e aproveitar os espazos ás costas da defensa rival cando aparezan.


Plantel dispoñible e decisións abertas

No capítulo físico, as novas son positivas. Hidalgo confirmou que todos os xogadores están dispoñibles, malia as habituais molestias propias do tramo actual da competición. “Fomos dosificando cargas, pero chegamos co grupo recuperado e coa idea de que o domingo estean todos ao cen por cen”.

Sobre nomes propios, o adestrador deixou abertas varias incógnitas. Riki é unha opción máis nun cadro con alternativas: “É un xogador con talento, que nos complementa ben. Acaba de chegar e pouco a pouco irá entrando”. Tamén falou de Mario Soriano, ao que ve nun proceso claro de evolución: “Xa non é só un mediapunta clásico. Ten pernas, traballo e unha capacidade enorme para asociarse desde atrás. Agora temos que insistirlle na chegada á área”.


Un rival con argumentos para todo

Hidalgo non escatimou eloxios ao Castellón, ao que considera un candidato claro a estar arriba: “Están onde están por méritos propios. Son sólidos, encaixan pouco e atacan con moita xente. Iso nesta categoría é clave”. Un equipo preparado para o ascenso, como outros varios, entre eles os deportivistas.

Con todo, o técnico confía plenamente nas posibilidades dos seus: “Sabemos o momento que atravesan, pero tamén sabemos quen somos nós. Se estamos axustados, concentrados e valentes, podemos traer os tres puntos”.

Castalia dictará sentenza, pero o Depor chega convencido de que o camiño cara arriba pasa por competir sen medo, tamén nos escenarios máis esixentes.

.

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Vídeo : RC Deportivo