ANTONIO HIDALGO : “Non van pasar nin 72 horas dun partido a outro. Imos agardar por moitos ata mañá.”

Antonio Hidalgo chama á estabilidade e á humildade antes do duelo fronte ao Córdoba

A rolda de prensa do técnico deportivista Antonio Hidalgo celebrouse tras o adestramento desta tarde no Dépor Training Center, nun momento clave da tempada no que o equipo entra xa nas derradeiras xornadas coa mirada posta en manterse na zona alta da clasificación. O adestrador analizou o estado do cadro branquiazul, o rival e as claves dun encontro que considera esixente.

Hidalgo destacou que o momento da competición obriga a medir ben os esforzos, especialmente nunha semana con varios partidos en poucos días. O técnico lembrou a dificultade da categoría e insistiu na necesidade de competir con humildade, entendendo en cada momento que partido cómpre xogar e sabendo facer dano ao rival cando aparezan as oportunidades.

Sobre o plan de partido, explicou que será fundamental atopar estabilidade durante os noventa minutos. Segundo indicou, os encontros ante equipos dirixidos por Iván Ania adoitan esixir equilibrio, combinando fases para atacar con outras nas que o equipo debe saber descansar co balón e controlar os tempos.

O adestrador deportivista tamén puxo en valor o traballo colectivo, salientando a solidez mostrada polo equipo nas últimas semanas. Para Hidalgo, encaixar poucos goles é consecuencia directa do compromiso grupal e da solidariedade entre os futbolistas, algo que considera imprescindible ante un rival cun perfil claramente ofensivo como o Córdoba.

No apartado individual, referiuse á evolución de varios xogadores. Sobre Bil Nsongo, asegurou que está dando pasos cara adiante e mellorando na lectura das situacións de área e de gol, polo que o corpo técnico seguirá empurrando para potenciar o seu crecemento. En canto a Yeremay, explicou que a dosificación dos seus minutos está a ser positiva e que os últimos xogos amosaron unha mellor versión do futbolista, co obxectivo de que alcance o máximo rendemento neste tramo final.

Respecto ao estado físico do cadro, confirmou que Quagliata e Loureiro adestraron con normalidade, mentres que Villares ten complicado chegar ao encontro. O resto da plantilla, segundo sinalou, atópase en boas condicións.

Hidalgo tamén falou da importancia do fondo de armario, asegurando que o rendemento dos xogadores que agardan a súa oportunidade fala moi ben do grupo. Destacou a aceptación dos roles e advertiu da importancia de coidar cada detalle en cada acción, especialmente nun momento da tempada no que todo pode decidirse por pequenos matices.

Sobre posibles cambios no once, explicou que aínda se agardará ata o último momento debido á proximidade entre partidos, mentres que a nivel táctico comentou probas realizadas, como a utilización de Stoichkov acompañado por outro xogador por detrás, unha variante que, segundo afirmou, está ofrecendo bos resultados.

O técnico tamén fixo referencia ao rival, sinalando que o Córdoba conta cun selo de identidade moi definido desde a chegada de Ania. A pesar da mala dinámica recente dos andaluces, advertiu de que a igualdade da categoría obriga a manter máxima atención e alerta.

Mirando cara ao encontro en Riazor, Hidalgo subliñou a importancia de sumar os tres puntos como local e apelou directamente á afección. Segundo indicou, o apoio da bancada notouse especialmente nos últimos partidos na casa, e considera clave que todo o mundo empurre nun tramo final no que o equipo se xoga moito.

Finalmente, o adestrador mostrouse satisfeito coa competitividade interna da plantilla, aínda que lembrou que sempre existe marxe de mellora. A receita, concluíu, pasa por seguir sendo un equipo sólido, estable e solvente para afrontar con garantías as últimas xornadas do campionato.

.

-Vídeo : RC Deportivo

-Texto e fotomontaxe : Xosé Búa “Pirata”