Se non se che ve o vídeo : PREME AQUÍ
«Temos que ir con todo e dar o 100 % para pasar de rolda»
O Depor afronta este xoves unha nova eliminatoria da Copa do Rei coa visita ao Auriense, un encontro que se disputará a partir das 21:00 horas no campo de O Couto. O conxunto coruñés parte como favorito ante un rival de categoría inferior,(Preferente Sur), pero Antonio Hidalgo non quere ningún exceso de confianza e lembra que a ilusión dos ourensáns pode converter a cita nun compromiso complicado. Basta ver na Copa Inglesa onte como un equipo deste tipo deixou na cuneta o Arsenal.
O técnico branquiazul, na rolda de prensa previa, deixou claro que a Copa é unha competición que lle gusta e na que o Dépor debe competir coa máxima ambición. Ao mesmo tempo, o encontro servirá para repartir minutos entre xogadores con menos participación ligueira, sen renunciar ao obxectivo de seguir adiante no torneo.
«A Copa nunca me estorba, gústame e hai que competir nela con todo», afirmou Hidalgo, que considera fundamental recuperar as sensacións positivas a través das vitorias. «Temos que volver ter esa sensación de gañar. Iso é fundamental».
O Couto, un escenario de máxima motivación
O adestrador deportivista coñece ben o que supón para un equipo modesto enfrontarse a un club da dimensión do RC Deportivo. Por iso, espera un Auriense especialmente motivado e preparado para aproveitar a oportunidade histórica que ten diante da súa afección.
«Un sempre estivo na parte contraria e sabe a motivación coa que vai afrontar o Auriense o partido de mañá», recoñeceu.
Hidalgo tamén destacou o traballo do rival co balón e a súa capacidade para xerar perigo, especialmente nas accións que buscan superar a última liña defensiva. «Vai ser un partido complicado, cun rival que ten unha ilusión extra. Para a categoría na que está, intenta facer cousas co balón e ten moita ameaza á última liña», advertiu.
A receita para evitar sorpresas pasa por manter a concentración desde o asubío inicial. «Temos que ir con todo e dar o 100 % para pasar de rolda», insistiu o preparador, que non quere que a diferenza de categoría se traduza nunha relaxación sobre o terreo de xogo.
Rotacións, pero coa máxima esixencia
A Copa tamén abre a porta a que xogadores menos habituais conten cunha oportunidade desde o inicio. O Deportivo dispón dunha plantilla ampla e Hidalgo pretende aproveitar esa circunstancia, tendo en conta a carga de minutos e as molestias dalgúns futbolistas.
«Temos unha plantilla ampla, con xente preparada e con ganas de competir os 90 minutos», sinalou. O técnico explicou que a súa intención é formar un once capaz de responder ás esixencias do encontro, dando protagonismo a xogadores que ata o momento tiveron menos participación.
«Temos que poñer o once que máis poida competir mañá, con xogadores que participaron menos. Imos pedirlles competitividade, sobre todo. Hai que competir desde o minuto un», subliñou.
A idea, en calquera caso, non é reservarse nin afrontar a eliminatoria con menos intensidade. Hidalgo avanzou que contará coa maior parte dos seus efectivos dispoñibles, aínda que tratará de protexer aqueles que acumulan máis desgaste. «Imos ir con todo o que temos. Hai xogadores que levan unha carga moi alta de minutos e teñen molestias, aos que intentaremos protexer. Imos ir co 90 % da plantilla, seguro».
Noé terá minutos e o Fabril pode achegar efectivos
Un dos nomes propios da previa foi Noé, que terá a oportunidade de sumar minutos en Ourense. O técnico explicou que a lesión sufrida en Lugo acabou sendo menos grave do que se temía inicialmente e que o futbolista está preparado para volver competir.
«Mañá vai ter a oportunidade de ter minutos», confirmou Hidalgo, que considera importante que o xogador continúe progresando e se afiance no primeiro equipo.
O preparador tamén lle pide dar un paso adiante no seu proceso de formación: «Necesitamos que compita, que se mostre e que se estableza no primeiro equipo. Son situacións nas que temos que lle dar esa cota de responsabilidade e de consciencia do nivel no que estamos. Isto é unha evolución continua».
Ademais de Noé, varios futbolistas do Fabril están a traballar co primeiro equipo. Rubén, Yayo, Martín e Kevin son algúns dos nomes que poderían acompañalo na convocatoria. A decisión definitiva dependerá das sensacións que deixe o último adestramento.
«Están adestrando Rubén, Yayo, Martín, Kevin e Noé. Irán todos ou case todos», avanzou o técnico sobre os fabrilistas.
Adama Traoré e a importancia de ser decisivo
Outro dos asuntos abordados foi o papel de Adama Traoré, que aínda non foi titular e podería contar cunha oportunidade nesta eliminatoria. Hidalgo explicou que a elección dun futbolista para o once inicial depende de cando pode ofrecer un maior rendemento e de como se adapta ás necesidades tácticas do equipo.
«O que penso de calquera xogador ao que poño de inicio é cando e como nos vai dar máis e vai ser máis determinante», explicou.
O adestrador tamén puxo o foco na capacidade para repetir esforzos, algo especialmente importante nas posicións nas que os futbolistas deben traballar continuamente tanto en ataque como en defensa.
Para Hidalgo, non abonda con ter un bo rendemento durante unha parte do encontro: o decisivo é aproveitar os minutos dispoñibles, tanto desde o inicio como saíndo desde o banco. «Cando é máis determinante un xogador, do minuto un ao 60 ou do 60 ao 90? O importante é o determinantes que poidan ser durante os 90 minutos», reflexionou.
Os lesionados evolucionan favorablemente en especial Auba
En canto á situación física do equipo, Hidalgo explicou que os xogadores lesionados continúan coa súa recuperación, aínda que ningún deles estará dispoñible para o encontro de Copa.
O técnico mostrouse moderadamente optimista coa evolución dos afectados e destacou que están avanzando pouco a pouco na súa integración nos adestramentos.
Un dos casos aos que se referiu foi o de Aubameyang, que xa está incorporándose parcialmente ao traballo co grupo. «Está preto, bastante preto. Imos ver se, nesa tolerancia ás cargas, o xeonllo non pon ningún impedimento», indicou.
O preparador quere actuar con prudencia antes de confirmar o seu regreso: «Auba está tolerando ben os momentos de recuperación e o xeonllo vai ben. Onte xa fixo unha parte do adestramento co grupo e hoxe vai volver facer outra. Agardamos que estea dispoñible o antes posible». O xogador xa comezou a facer a primeira parte dos adestramentos co grupo para logo continuar co readaptador físico do clube, co que están tamén Casadó e Chouri, (Zakaría).
Sobre Zaka, Hidalgo recoñeceu que aínda non pode establecer prazos para a súa volta, despois de comprobar o alcance da lesión na man. «Non o sei. O outro día vinlle a man e as agullas que ten postas… Non a esperaba así. Pouco a pouco irá mellorando, pero non sabemos exactamente cando».
Mella e Kevin, dous casos diferentes
Hidalgo tamén valorou o rendemento de David Mella, que está a asumir funcións nunha posición máis baixa, unha alternativa que o corpo técnico xa empregara a pasada tempada.
O adestrador considera que o futbolista está a progresar na súa adaptación ao fútbol profesional e que pode achegar solucións en diferentes zonas do campo.
«A David pídeselle o mesmo que o ano pasado é un rapáz traballador, está dando pasos adiante para entender o que é o mundo profesional», sinalou.
O técnico recoñeceu que aínda hai aspectos que axustar na parcela ofensiva, pero mostrouse satisfeito coas prestacións do xogador nesta demarcación.
Pola súa banda, Kevin continúa traballando para transformar en goles as ocasións que está a xerar, especialmente nos últimos minutos dos partidos. Hidalgo quixo transmitirlle confianza e lembrou que o futbolista é consciente de que debe mellorar a súa eficacia.
«É un rapaz traballador que nos está dando esa posibilidade de ter ocasións nos últimos minutos. Son situacións que ten que ir xestionando. Dálleo todo en todos os adestramentos, e con iso quedamos», afirmou.
O obxectivo, seguir adiante na Copa
O Deportivo viaxa a Ourense coa intención de evitar complicacións e conseguir o pase á seguinte rolda. Hidalgo sabe que as eliminatorias a partido único poden igualar as forzas e que a motivación do rival será un factor importante.
Por iso, máis alá das rotacións e das oportunidades que poidan recibir os menos habituais, o preparador insiste en que o equipo debe saír concentrado, competir con intensidade e demostrar desde o primeiro minuto a súa superioridade.
O Auriense agarda en O Couto coa ilusión de poñer en dificultades o conxunto coruñés. O Dépor, pola súa banda, quere converter a Copa nunha oportunidade para avanzar de rolda e recuperar o camiño das vitorias.
–
-Vídeo e foto-captura : RC Deportivo
-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”
–