Antonio Hidalgo : “Inculcar o mesmo que o ano pasado: orde, alma, traballo, paixón e saber sufrir.”

Na súa primeira comparecencia da pretempada, Antonio Hidalgo repasou a situación actual do Deportivo. O técnico valorou as novas incorporacións e os movementos do mercado, actualizou o estado físico de varios xogadores, explicou como afronta a adaptación dos futbolistas estranxeiros e reiterou a súa aposta pola canteira. Ademais, falou das necesidades que aínda ten a plantilla, dos valores que quere manter no equipo e da preparación do inicio da Liga. Evitou pronunciarse sobre Angeliño.

O adestrador comezou valorando moi positivamente a chegada das novas incorporacións. Asegurou estar “moi contento” cos reforzos e destacou especialmente a fichaxe de Aubameyang, ao que definiu como “un xogador diferencial”, asegurando que a súa chegada foi unha sorpresa e que a súa experiencia e traxectoria achegarán un valor importante ao grupo.

Sobre o mercado, Hidalgo restou dramatismo ás saídas que se produciron e ás que aínda poidan producirse. “Hai xogadores que veñen e outros que saen. É o día a día do fútbol”, resumiu.

O técnico tamén recoñeceu que as ausencias por pequenas lesións están condicionando o traballo destas primeiras semanas, especialmente na parcela ofensiva. Con todo, pediu naturalidade e lembrou que o verdadeiramente importante será chegar en boas condicións ao inicio da competición.

Un dos nomes propios da comparecencia foi Yeremay. Hidalgo insistiu en que segue sendo a gran referencia do equipo tras o extraordinario rendemento da pasada tempada. Explicou que o extremo está a recuperarse dunha lesión que el mesmo sufriu durante a súa carreira e que sabe ben o difícil que resulta. A intención é que estea dispoñible para o inicio da Liga, aínda que polo momento priorizarán que participe nos adestramentos antes que nos encontros amigables.

Tamén actualizou a situación doutros futbolistas. Sobre Mella explicou que irá incorporándose progresivamente aos adestramentos debido á súa lesión de longa duración, controlando as cargas de traballo. No caso de Loureiro, mostrouse optimista e sinalou que a previsión é que poida estar dispoñible para o comezo do campionato.

No referente á planificación, confirmou que o Deportivo reforzará o lateral esquerdo. Recordou que actualmente Quagliatta ocupa esa posición, pero asegurou que o club incorporará outro futbolista para completar esa demarcación.

Preguntado polos xogadores chegados do estranxeiro, Hidalgo incidiu na importancia da adaptación, especialmente a través da aprendizaxe do idioma. Destacou que Teun xa se expresa con soltura en español, mentres que Bright e Jensen están aínda no proceso lóxico de adaptación.

Respecto ao reto de competir nunha categoría superior, asegurou que sempre procura adaptarse aos contextos que atopa e que será o desenvolvemento da competición o que marque a evolución do equipo.

A canteira volveu ocupar un lugar destacado no seu discurso. Lembrou que desde a súa chegada ao club se lle transmitiu a importancia do fútbol base e puxo como exemplo as incorporacións da pasada tempada de Bil e Noé, deixando aberta a porta a que máis canteiráns dean o salto ao primeiro equipo.

Sobre Dani Barcia preferiu poñer o foco na evolución dos xogadores, asegurando que o importante é o seu crecemento e analizar cantos minutos poden ter ao longo da competición.

Hidalgo tamén insistiu nos valores que pretende conservar no Depor. Enumerou o “orde, a alma, o traballo, a paixón e a capacidade para sufrir” como os piares sobre os que seguirá construíndo o equipo.

Cuestionado por Angeliño, o técnico preferiu non facer ningún comentario sobre o futbolista.

Por último, explicou que o corpo técnico xa está centrado na preparación do comezo ligueiro e que, aínda que o rival milite en Segunda División, o equipo está a analizar con detalle aos primeiros adversarios da tempada para chegar nas mellores condicións posibles ao debut oficial.

-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeo : RC Deportivo