Antonio Hidalgo aposta pola calma e a solidez antes do primeiro partido do ano
Antonio Hidalgo compareceu ante os medios coa vista posta no primeiro encontro do ano, que o RC Deportivo disputará este domingo ás 21:00 horas, e deixou claro que o equipo chega preparado, aínda que consciente das melloras necesarias tras un mes complicado de resultados.
O adestrador deportivista explicou que o regreso ao traballo tras as vacacións foi positivo e necesario. Asegurou que os días de descanso viñeron ben ao grupo e destacou que a enfermaría “vaise baleirando pouco a pouco”. Sobre o estado físico, apuntou que a Ximo “xa lle queda pouco”, mentres que Escudero podería incorporarse con normalidade aos adestramentos a vindeira semana.
Hidalgo non agochou que o equipo vén dunha mala racha, pero apelou á perspectiva e á paciencia. “Temos que dar pasos adiante con e sen balón”, afirmou, insistindo na importancia de pechar a portería como base para recuperar confianza e resultados.
En canto aos reforzos, explicou que a chegada de Álvaro foi consecuencia directa da petición de Bachmann para saír, o que obrigou ao club a reaccionar con rapidez. Tamén falou de Adri, un futbolista que o Dépor levaba tempo seguindo: “Ten moito talento, é moi intenso e vainos dar unha profundidade que botamos en falta nos últimos partidos”.
A xestión do vestiario e da plantilla foi outro dos temas destacados. Hidalgo recoñeceu que é “o traballo máis complicado dun adestrador”, pero asegurou que intentará tomar sempre as mellores decisións pensando no ben do equipo.
Sobre o mes de xaneiro, evitou distraccións. A pesar de cualificar a Copa como unha competición ilusionante, deixou claro que o foco está posto unicamente no partido do domingo: “Intentamos pensar só no Cádiz”.
O técnico tamén falou da análise dos erros cometidos ata decembro. Confesou que revisan os partidos ao detalle, dándolle voltas ao que funcionou mellor ou peor, coa intención de recuperar o bo nivel mostrado nos primeiros meses da tempada.
No apartado institucional e de mercado, lembrou que o Dépor está nun contexto competitivo no que hai que estar atentos a todas as situacións. O mercado acaba de comezar, pero insistiu en que agora mesmo toda a atención está posta no próximo rival.
Sobre a posibilidade dunha ficha libre e os roles dentro do equipo, Hidalgo foi claro: todos os xogadores saben cal é o seu papel. Destacou a honestidade no día a día e asumiu que é el quen toma as decisións, subliñando que o compromiso nos adestramentos é máximo.
Ao analizar o rival, advertiu do perigo do Cádiz. Considerou que pasaron por un proceso complicado, pero que agora atoparon unha idea clara, con máis solidez e profundidade, o que os converte nun equipo perigoso, avalado ademais por unha boa dinámica recente.
Tamén se referiu aos movementos na plantilla, recoñecendo que hai moitos xogadores e algunhas posicións dobradas ou incluso triplicadas. Aínda así, mostrouse satisfeito co grupo e admitiu que deixaron de facer algunhas cousas que antes si realizaban.
No plano futbolístico, Hidalgo insistiu na necesidade de mellorar tanto en defensa como en ataque. Afirmou que o equipo debe xerar máis volume ofensivo e recuperar a solidez defensiva, sinalando que, aínda que se crearon ocasións, fallouse máis do desexable.
Finalmente, ao comezo da rolda de prensa, confirmou que os dous xogadores recentemente chegados están preparados para xogar, mentres que Ximo aínda non está en condicións de facelo esta semana.
.
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeo : RC Deportivo