Hidalgo apela á unión en Riazor antes dun Dépor-Zaragoza clave.
O adestrador do Deportivo, Antonio Hidalgo, compareceu na previa do encontro deste sábado ás 21:00 horas en Riazor fronte ao Zaragoza cun discurso centrado na unión entre equipo e afección nun momento decisivo da tempada. O técnico branquiazul destacou a importancia do apoio da bancada e a necesidade de dar continuidade ás boas sensacións tras a vitoria en Ceuta.
Un dos nomes propios da semana foi Yeremay, que podería regresar á convocatoria tras varias semanas de recuperación. Hidalgo explicou que o extremo foi entrando progresivamente no traballo colectivo: «Con certa normalidade, onte foi o único día que completou o adestramento. Terminou con boas sensacións e todo apunta a que pode estar dispoñible». Iso si, pediu cautela co proceso: «Temos que ir pouco a pouco, ver as súas sensacións nos minutos que poida estar. El iranos marcando o proceso».
Problemas na defensa
Non todo son boas novas para o técnico deportivista. A defensa chega condicionada polas baixas, xa que Loureiro practicamente queda descartado e Dani Cumprasión está sancionado. «Loureiro non adestrou e é moi difícil que chegue ao partido. Quedamos un pouco xustos, pero confiamos plenamente nos que estarán», sinalou.
Tamén tivo palabras para David Mella, recentemente operado, ao que quixo enviar ánimo: «É unha faena grande. Imos animalo, coidalo e querelo moito para que volva o mellor posible».
Un Riazor unido
Hidalgo mostrouse convencido de que o ambiente en Riazor será diferente ao das últimas semanas e destacou o recibimento preparado pola afección. «O futbolista ten que sentirse arroupado. Vai ser un vaivén de emocións e o equipo que mellor o soporte terá moito gañado», afirmou.
O técnico insistiu na necesidade dunha comunión total entre bancada e equipo: «Estou convencido de que a xente vai empuxar desde o primeiro minuto ata o 90. Imos remar xuntos, e esa é a maior fortaleza que podemos ter».
Doce partidos decisivos
Sobre a idea das “12 finais” que restan de liga que decía esta semana Villares, Hidalgo matizou o concepto: «Final significa que non hai nada detrás, e neste caso si o hai. Falamos da importancia de non deixar nada polo camiño». Para o adestrador, cada partido representa unha oportunidade clave nun tramo definitivo da competición.
Un rival en crecemento
O Zaragoza chegará a Riazor nun bo momento tras cambiar de adestrador e dinámica, algo que preocupa ao técnico deportivista: «Senten que son capaces de algo que seguramente hai dúas semanas non sentían. Espero un partido moi igualado».
Consolidar as boas sensacións
Tras o triunfo en Ceuta, Hidalgo recoñeceu marchar satisfeito co rendemento do equipo: «Fun moi contento do outro día, pero temos que seguir dando pasos adiante porque a categoría e a situación o esixen». Destacou especialmente o papel de varios xogadores en novas posicións e o esforzo colectivo.
O preparador tamén puxo o foco no aspecto psicolóxico como clave do rendemento: «Sempre incidimos no mental. Nos momentos de estrés temos que ser fiables e constantes, iso é o que marca a diferenza».
O exemplo de Villares
Por último, quixo destacar a implicación de Diego Villares, ao que definiu como un símbolo do club: «Demostra o que é, forma parte do escudo do Dépor. Non xogara nos dous últimos partidos e adestrou como o que máis. Iso fala da súa implicación».
Co regreso de xogadores importantes, un rival reforzado e un Riazor que promete empurrar como nas grandes ocasións, o Deportivo afronta este sábado un encontro clave para seguir mirando cara arriba no tramo decisivo da tempada.
.
-Montaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”