ANTONIO HIDALGO : “Debemos preparar cada encontro con precisión, atendendo a cada detalle”.

 

Antonio Hidalgo transmitiu confianza pero tamén prudencia na súa comparecencia en Abegondo. O adestrador do Deportivo destacou que o equipo está a mostrar un bo nivel competitivo neste inicio de curso, aínda que insiste en que a prioridade pasa polo día a día no traballo: “o fundamental é que cada xogador vaia incorporando os matices que imos engadindo, e que en calquera posición sexa quen de atopar solucións”.

O técnico considera que a clave está na solidez e na fiabilidade defensiva, sen esquecer a capacidade ofensiva que amosa o cadro branquiazul. “Debemos preparar cada encontro con precisión, atendendo a cada detalle”, apuntou.

Hidalgo amosou especial interese en que o equipo saiba adaptarse ás distintas esixencias que expón cada rival. “Non hai dous partidos iguais. A cada semana aparecen situacións novas que debemos afrontar sen perder a idea de ser protagonistas”, sinalou, lembrando ao tempo a dureza da LaLiga Hypermotion: “tras Ipurúa virán El Sardinero e Málaga, e todos nos obrigarán a dar o máximo. É unha competición onde calquera pequeno erro pode decidir”.

Sobre o duelo deste sábado en Eibar (18:30 horas/17:30 GMT, Liga TV Hypermotion e Fútbol 2, tamén en DIGI TV e outras plataformas), Hidalgo advertiu da dificultade do escenario: “é un campo historicamente complexo. Coñecemos a Beñat San José e sabemos do que son capaces os seus equipos”. Do conxunto armero destacou a súa capacidade para modificar estruturas e xerar problemas constantes coa súa mobilidade, o que obriga ao Deportivo “a estar moi compacto, conceder pouco e saber aproveitar os puntos febles do rival”.

O adestrador pechou a súa intervención cunha mensaxe clara: en Ipurúa tocará sufrir, traballar xuntos e manter a concentración en cada acción para ter opcións de saír con algo positivo.

Máis roldas de prensa pre-encontros

Na parte de abaixo da portada da nosa web tes as roldas de prensa previas aos encontros do Fabril e Deportivo ABANCA de Manuel Pablo e Fran Alonso, así coma tódolos vídeos que publica o RC Deportivo.

-Foto e vídeo: RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”