ANTONIO HIDALGO : “Chegan os momentos decisivos e isto vai de sumar de tres. Iremos a por eles”.

 

O adestrador do Depor, Antonio Hidalgo, centrou o discurso na importancia do encontro deste festivo en Riazor (18:30 horas) ante o CD Leganés, nun día que non é de descanso para todos, con sectores como o primario, (pesca, gandeiría e agricultura), ou a hostalaría, antre outros, mantendo a súa actividade habitual, porque aquí parece que cando é festivo é para todo mundo.

O técnico herculino abriu a súa comparecencia falando da situación física de Ximo: “Transmitiume que está perfectamente e coñécese ben. Temos que ir con cautela coas cargas, pero onte tivo moi boas sensacións e pensamos que pode estar para os 90 minutos”. Ademais, explicou que o xogador “notou unha sobrecarga e fomos coidándoo, esperando que poida adestrar con normalidade”.

Sobre o polémico penalti de Burgos, Hidalgo restou importancia: “Con total naturalidade. Iso xa non volve. Fixemos un partido moi competitivo, tivemos ocasións e foi un encontro igualado decidido por unha acción arbitral. O máis importante é o de mañá”.

Tamén se referiu ao ambiente que rodea este tramo final de tempada: “Levo moito tempo nisto e céntrome no meu. Hai tensión en todos lados e vai seguir habéndoa. Sabemos da dificultade do partido de mañá”.

En canto ao feito de xogar antes que outros rivais, foi claro: “Chegan os momentos decisivos e isto vai de sumar de tres. Iremos a por eles”.

Sobre os xogadores apercibidos, deixou claro que non haberá reservas: “O máis inmediato é mañá. Poñeremos o mellor equipo posible. Todos están preparados e hai que destacar o nivel competitivo dos que teñen menos minutos nos adestramentos”.

Hidalgo tamén valorou a acción disciplinaria sobre Ximo: “Falla o sentido común. O mellor foron os minutos de Escudero”.

No plano defensivo, incidiu na necesidade de mellorar: “Hai que ter máis contundencia arriba, é un dato obxectivo. Pechar a portería non é doado. Temos que tomar mellores decisións e elevar esa contundencia para gañar”.

Un dos nomes propios foi Bil, cuxa evolución sorprendeu ao técnico: “Se dixese que esperaba isto, mentiría. Medrou moitísimo e dános solucións na última liña sen balón. É unha aparición moi boa da canteira”.

Sobre a clasificación, insistiu na idea principal: “Temos que seguir vivos polos obxectivos. Agora mesmo todo pasa por sumar de tres”.

Do rival, destacou o seu potencial: “O Leganés é un equipo con moitísimo talento, con xogadores diferenciais e gol. Sen balón están moi axustados e manexan diferentes estruturas”.

En canto á visión a medio prazo, Hidalgo non quere distraccións: “Sempre miro o seguinte. Pensar máis aló non ten sentido”.

E sobre a posibilidade de sumar os puntos necesarios para o ascenso directo, foi rotundo: “Só vexo o partido de mañá”.

Para pechar, puxo en valor a competencia interna do equipo: “Fala do nivel da plantilla. Está xogando Bil como titular e nos centrais pasa algo similar. Arnau está traballando de maneira incrible. Todos necesitan traballo diario para seguir tendo opcións. Estou encantado coa plantilla que teño”.

.

-Vídeo : RC Deportivo

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”