ANTONIO HIDALGO : “As críticas teñen que existir e respéctoas ao máximo”.

 

Antonio Hidalgo pide calma, unidade e confianza antes do Depor–Eibar en Riazor

Na previa do encontro ante o Eibar en Riazor, Antonio Hidalgo puxo o foco nun concepto clave para este tramo da tempada: a tranquilidade. O técnico do Depor recoñeceu que hai momentos nos que a ansiedade xoga malas pasadas e insistiu na necesidade de xestionar mellor as emocións. “Temos que intentar transmitir tranquilidade aos xogadores”, explicou, lembrando que en determinadas situacións “hai xente que quere facer demasiadas cousas, demasiado rápido”.

O adestrador tamén se referiu ás críticas que rodean ao equipo, asumíndoas como parte natural do contexto dun club da dimensión do deportivista. Hidalgo foi claro: “As críticas teñen que existir e respéctoas ao máximo”, sinalando que vivir pendente de todo o que se di sería imposible. Desde a súa óptica, os datos son claros: tras 26 xornadas, o Depor está en postos de play off e “cumprindo o obxectivo marcado a principio de tempada”.

Nesa liña, o técnico admitiu que aínda segue asimilando o que significa adestrar nun club coma o branquiazul. “Pouco a pouco vou entendendo e asumindo a dimensión das cousas aquí”, confesou, destacando que a presión que se vive na Coruña non é comparable coa doutras etapas da súa carreira. Aínda así, mostrouse optimista: o equipo está nunha boa liña e a tempada é longa nunha categoría con cadros moi potentes.

No apartado deportivo, Hidalgo destacou que os nosos seguen traballando para mellorar no último terzo do campo. “Seguimos incidindo en mecanismos ofensivos para meter máis xogadores dentro da área”, apuntou, apelando tamén á responsabilidade individual para dar un paso adiante e achegar gol.

O adestrador insistiu na importancia da xestión colectiva da presión neste momento do curso. “A xestión da presión entre todos será a clave”, afirmou, implicando a xogadores, corpo técnico, afección e contorna mediática. Para el, o equipo está “en posicións dentro do obxectivo” e iso debe servir como punto de partida para afrontar o decisivo tramo final con confianza.

En canto aos nomes propios, Hidalgo confirmou que Escudero “está para competir de inicio”, destacando o seu nivel competitivo e a súa experiencia, malia o paso dos anos. Tamén valorou positivamente o rendemento de David Mella nun rol menos habitual, sinalando que “deu un bo nivel como carrileiro”, ao tempo que puxo en valor o peso de Escudero no vestiario.

Sobre o rival, o técnico advertiu da dificultade do partido. O Eibar chega a Riazor nun gran momento e cunha proposta flexible. “É un equipo complicado, con moitas variantes tácticas”, explicou, subliñando que obriga a axustarse constantemente e que atravesa o mellor momento da tempada.

Por último, Hidalgo recoñeceu que hai algunhas dúbidas físicas no cadro branquiazul. “Ximo sentiu unha molestia no último adestramento e veremos que decisión tomamos”, comentou, engadindo que hai varios xogadores con pequenos problemas que se valorarán ata última hora.

Con este escenario, o Depor afronta unha nova cita clave en Riazor coa idea clara de manter a calma, confiar no camiño percorrido e seguir competindo desde a identidade branquiazul.

.

-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Vídeo : RC Deportivo