O gardameta do Depor, Álvaro “Ferllo”, compareceu ante os medios na previa do encontro que os branquiazuis disputarán este sábado ás 21:00 horas no estadio do Sporting de Xixón, unha cita marcada pola importancia clasificatoria e pola masiva presenza deportivista nas bancadas asturianas.
O porteiro mostrouse ambicioso pero prudente, deixando claro que o vestiario ten un obxectivo moi definido desde o inicio da tempada: “Cheguei para axudar a que o Deportivo estea en Primeira División o ano que vén, e sigo convencido de que podemos conseguilo”, afirmou con rotundidade.
Segundo explicou, o equipo vive un momento positivo, aínda que insiste en manter os pés no chan: “Estamos nunha boa posición, pero queda moitísimo por xogar. Non hai nada feito e seguramente todo se decidirá nas últimas xornadas”.
A forza da parroquia deportivista
Un dos temas protagonistas da rolda de prensa foi o desprazamento masivo da afección. As entradas facilitadas polo club asturiano quedaron curtas ante a demanda dos seguidores branquiazuis, que volverán acompañar aos seus nun dos campos máis esixentes da categoría.
Ferllo non ocultou o agradecemento cara á bancada: “Saber que imos estar arroupados pola nosa xente nun estadio así é algo moi importante para nós”, sinalou.
O meta considera que o apoio deportivista pode converterse nun factor diferencial: “Xogar fóra sempre é complicado, pero sentir preto á nosa afección danos un plus de enerxía para competir ata o final”.
Adaptación plena á Coruña
Nos seus primeiros meses defendendo a portería dos nosos, o gardameta recoñece sentirse plenamente integrado tanto no equipo como na cidade.
“Desde que cheguei sentinme moi cómodo. O grupo axudoume moito e a xente na rúa transmíteme un cariño enorme”, explicou. A nivel persoal, admite que sempre busca mellorar: “Son moi esixente comigo mesmo e gustaríame encaixar menos goles, porque iso sempre axuda ao equipo”.
Intensidade e carácter dentro do campo
Ferllo tamén falou do seu carácter competitivo e da súa maneira de vivir os partidos, algo que os afeccionados xa puideron comprobar nas celebracións recentes.
“Gústame vivir o fútbol con intensidade, tanto nos momentos difíciles como nas vitorias. Cando o equipo gaña hai que compartilo coa afección e cos compañeiros”, comentou.
O bo momento colectivo, segundo o porteiro, nace sobre todo da confianza do grupo: “As vitorias reforzan moito e chegamos ao tramo final cunha mentalidade moi forte”.
A clave do tramo decisivo
Para o gardameta deportivista, a receita para manterse arriba pasa pola competitividade e a solidez defensiva.
“Temos que seguir sendo un equipo serio ata o minuto noventa. Para lograr o obxectivo é fundamental encaixar poucos goles”, destacou, sen esquecer o potencial ofensivo do cadro herculino.
Tamén fixo fincapé na importancia de Riazor nas xornadas restantes: “Na casa temos que facernos moi fortes porque pode marcar a diferenza ao final”.
Un equipo que nunca baixa os brazos
Outro dos aspectos que explicou foi a capacidade dos branquiazuis para resolver partidos nos últimos minutos.
“É unha cuestión mental. O equipo cre ata o final e nunca deixa de competir”, asegurou, destacando tamén o papel dos xogadores que saen desde o banco: “Todos están preparados e iso mantén vivo ao equipo durante todo o partido”.
Pendentes da recuperación de Yeremay
Sobre o estado do compañeiro Yeremay, Ferllo transmitiu optimismo: “Está mellorando pouco a pouco e sabemos o importante que é para nós. En pouco tempo veremos a súa mellor versión”.
Con todo preparado para a cita en Xixón, os deportivistas afrontan unha das saídas máis esixentes do calendario coa ilusión intacta e co respaldo dunha afección que volverá demostrar que nunca camiña soa.
.
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeo : RC Deportivo