ÁLEX BERGANTIÑOS E CARLOS BALLESTA SERÁN DOUS DOS NOVOS HOMES DA DIRETIVA DO RC DEPORTIVO.

 

Segundo informa o RC Deportivo , Álex Bergantiños e Carlos Ballesta serán propostos polo clube a directiva do mesmo, tendo en conta que o máximo mandatario, Escotet, está dacordo, xa é un feito sen esperar o 17 de Xullo, data da Asemblea Xeral de Accionistas. Duas persoas da casa e de máis ca recoñecida sangue deportivista, agora falta saber que postos ocuparán. Sería beneficioso para todo o deportivismo que Álex fose o novo presidente, ou Director Xeral.

Así o comunica o RC Deportivo :

Alejandro Bergantiños García (A Coruña, 7 de xuño de 1985) e Carlos Alberto Ballesta Edreira (San Pedro de Nós, 14 de xaneiro de 1955) serán propostos polo accionista maioritario do RC Deportivo para ocupar dous postos no novo Consello de Administración do Club. Dentro do proceso de reestruturación que se está levando a cabo para dotar á Sociedade dos mellores recursos posibles a todos os niveis, co obxectivo de recuperar a posición no fútbol profesional da entidade, acorde coa súa dimensión deportiva, social, económica e histórica, Álex e Carlos xogarán un papel fundamental.

O RC Deportivo quere agradecer a ambos a súa disposición a aceptar esta proposta de sumarse ao equipo de goberno do Club nun momento historicamente transcendental. É unha mostra do Deportivismo de Bergantiños e Ballesta, que achegarán toda a experiencia dunha carreira vinculada ao fútbol profesional, e especialmente ao Dépor, realizando labores fundamentais na relación entre a estrutura deportiva e a corporativa do Club, ademais de fortalecer o vínculo e a comunicación entre a entidade e toda a afección e masa social do RC Deportivo.

Álex Bergantiños retirarase do fútbol en activo o próximo 5 de agosto no XLVIII Teresa Herrera que se disputará no Estadio ABANCA-RIAZOR após 336 partidos oficiais, que o converten no noveno xogador que máis veces vestiu a camiseta branquiazul ao longo da historia. Unha historia que nas décadas dos 70 e 80 está vinculada a Carlos Ballesta, un dos futbolistas simbólicos daqueles anos, nos que disputou 278 partidos, sendo a branquiazul a única camiseta que defendeu durante 11 temporadas. Despois diso converteuse en segundo adestrador e compañeiro inseparable de Arsenio Iglesias logrando, tal día como hoxe hai 28 anos, a primeira Copa del Rey da historia do Deportivo. Posteriormente dirixiu ao Fabril durante 4 temporadas e, desde hai unha década, seguiu colaborando co Club, como observador para a canteira Deportivista e como representante institucional do Fabril.

Os nomes de ambos serán propostos e sometidos a votación por parte da Xunta Xeral de Accionistas do RC Deportivo que terá lugar o vindeiro luns 17 de xullo de 2023.

-Foto e Texto : RC Deportivo/Xosé Búa “Pirata”

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies