Alberto Sánchez, (Plasencia 26/03/2001), deixa de ser xogador do Deportivo tras confirmarse o seu traspaso ao Ourense CF, onde xa competiu a pasada tempada Jairo Noriega, que foi de novo repescado polo RC Deportivo ante a sua gran tempada.
O clube ourensán tamén anunciou a sua fichaxe pero nin por unha parte nin pola outra trascenderon as cantidades ou condicións do traspaso pero todo apunta a que haberá clausulas como as de tanto por cento en caso de venda ou a de recompra.
Con todo, á parte positiva da operación súmase unha nota de tristeza, xa que o gardameta pon fin a unha etapa de oito anos na canteira branquiazul, chea de momentos inesquecibles.
“Foi un camiño marabilloso, aínda que duro”, recoñece nun vídeo publicado nas súas redes sociais, “cheo de momentos felices como xogar fases de ascenso, debutar co primeiro equipo ou ese ansiado regreso ao fútbol profesional”. A súa proximidade ao primeiro equipo nas últimas tempadas permitiulle vivir tanto as alegrías como os momentos máis difíciles do Dépor nos últimos anos.
Precisamente neses tempos complicados foi cando atopou o apoio de “persoas que fixeron destes anos algo inesquecible”. Por iso, Alberto marcha con palabras de agradecemento e cun sentimento claro: “O Dépor é algo único e especial, como non hai en ningún outro lugar do mundo”. E así se despide: “Como un deportivista máis para sempre”.
Mensaxe completa de Alberto Sánchez nas redes sociais (traducida):
Cheguei ao Dépor con 16 anos. Con soños por cumprir e coas dúbidas e medos dun neno. Foron 8 tempadas marabillosas, onde medrei da man deste club e coñecín persoas para toda a vida.
Por iso, só me sae dicir: grazas.
A todos os adestradores que tiven, en especial aos de porteiros. David, Alberto, Yván. Esta paixón pola portería non se entende sen vós.
A Albert Gil, Carlos Ballesta, que apostaron por un neno de 15 anos de Plasencia que nunca imaxinaría chegar ata aquí.
A esas persoas de Abegondo que non se ven pero que levantan este club cada mañá: Cholo, Javi, Nuco, Luis, Suso, Montse, Alfonso, Vicente…
Aos traballadores da residencia. A vosa labor foi tan importante coma calquera outra. Elkin, Sheila, Laura.
Aos corpos médicos, que tantos segredos e apoio soubestes brindar. Emi, Mou, Dani, Charli, Meju, Lari, Moncho.
A todos os compañeiros que tiven, en especial aos do Fabril, que me deron a oportunidade de ser capitán.
E por último, á afección. O Dépor é algo único e especial, como non hai en ningún outro lugar do mundo. Protexédeo por riba de todo, como xa facedes. Foi unha honra vestir esta camiseta.
Un deportivista máis, para sempre.
-Foto : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Carta : Redes sociais Alberto Sánchez