A realidade da cruel pandemia que xa se levou a máis de 40.000 persoas segundo o goberno e a máis de 70.000 segundo outros organismos, é que as cousas ainda que melloraron cos peches perimetrais, todo apunta a que subirán de nada que se de “mancha ancha”.
Parécenos un grave eror que se volte cas competicións dado que os contactos son os que están a aumentar os contaxios, e máis nos ámbitos de chavalada, xa que a realidade apunta aos centros de estudos como os que máis están aumentando o número de contaxios.
A Xunta ven de presntar uns protocolos para iniciar as competicións autonómicas de fútbol, o fútbol base e o futsal. As primeiras competicións que se activen, sempre que o permita a situación sanitaria, serán: Preferente, Primeira Galicia, Primeira Galega Feminina e as ligas galegas de xuvenís, cadetes, infantís e alevín.
Vivindo o día a día con xente do fútbol afeccionado e futsal, e sabendo os seus pareceres a pregunta é : “A que tanta premura por iniciar as ligas co panorama que temos?”.
COMUNICADO DA RFGF
A RFGF PREPARA O MELLOR AGASALLO DE NADAL: A VOLTA DO FÚTBOL E DO FÚTBOL SALA AUTONÓMICO LOGO DE NOVE MESES DE PARÓN
A Xunta aprobou o Protocolo para a actividade futbolística federativa con contacto e a Real Federación Galega de Fútbol activa as competicións segundo un plan de desescalada dividido en tres niveis
As categorías sénior (masculina e feminina) e a liga galega xuvenil de fútbol deberán realizar un test Covid cada 14 días. Todas as demais categorías de fútbol base e todas as competicións de fútbol sala e gaélico deberán adestrar e xogar con máscara
As primeiras competicións activadas, sempre que o permita a situación sanitaria, son: Preferente, Primeira Galicia, Primeira Galega Feminina e as ligas galegas de xuvenís, cadetes, infantís e alevín
A Coruña, 15 de decembro de 2020
Xusto onte cumpríronse nove meses desde que o 14 de marzo a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) decretase a suspensión das competicións de ámbito autonómico, provincial e local como consecuencia da evolución do coronavirus Covid-19. Naquel momento a responsabilidade fixo que a RFGF fose a primeira federación galega en suspender as súas competicións. A mesma responsabilidade que fai que nove meses despois se decidise por reanudar a actividade unha vez que a Consellería de Sanidade e a Secretaría Xeral para o Deporte aprobasen os distintos protocolos de volta á actividade futbolística federativa con contacto. A RFGF sempre foi coherente coa situación sanitaria e as recomendacións das autoridades. E tamén coa opinión xeralizada do fútbol galego, ao que escoitou nas distintas reunións mantidas tanto de maneira presencial como por videoconferencia. Por iso se optou pola prudencia á espera da evolución da pandemia.
Agora, nove meses despois, e co permiso explícito das autoridades competentes ao aprobar os protocolos de actividade con contacto, o fútbol e o fútbol sala galego volven a escena. Será un regreso graduado, con moito sentidiño e cumprindo escrupulosamente todas as normativas sanitarias e de seguridade. O noso deporte está a demostrar nas categorías nacionais que é seguro se se cumpren os protocolos. Os contaxios practicamente non existen, e aqueles que se producen fóra do entorno deportivo son rapidamente detectados grazas ás probas Covid que se fan periodicamente no fútbol. Precisamente é o noso deporte o que está axudando a detectar casos colaborando firmemente coas autoridades sanitarias.
Desescalada do regreso da competición
A RFGF optou por un regreso progresivo da competición, fixando un proceso de desescalada en tres grandes bloques. Todo elo co obxectivo de reducir os riscos de contaxio, garantir o cumprimento dos protocolos e permitir unha mellor adaptación dos propios clubs e deportistas. E sempre cumprindo co compromiso de que se ían a deixar, como mínimo, entre cinco e seis semanas de pretempada para a preparación dos equipos.
Nivel 1: Nun primeiro nivel de desescalada activaranse as competicións de carácter autonómico de fútbol, fútbol sala e fútbol base, sobre todo pensando naquelas que teñen ligazón coas de categoría nacional, aínda que se optou por poñer en marcha prácticamente todas as categorías de ámbito rexional.
Estas competicións quedarán activadas de inmediato e está previsto que o seu comezo se poida levar a cabo entre o 24 de xaneiro e a primeira semana de febreiro, sempre e cando o permita a situación sanitaria.
Nivel 2: Nun segundo bloque activaranse as demais categorías senior, así como as provinciais e locais de xuvenís, cadetes e infantís de fútbol, mentras que na especialidade de fútbol sala quedará todo activado nesta segunda fase. Competicións estas que previsiblemente poderán comezar durante a segunda quincena do mes de febreiro, sempre que o permita a situación sanitaria.
Nivel 3: O último nivel de activación refírese ao fútbol 8, que arrincará a finais de febreiro, sempre que o permita a situación sanitaria.
Plans competicionais para unha tempada especial e reducida
Os distintos plans competicionais deseñados pola dirección deportiva da RFGF seguen as premisas básicas de adaptación a unha situación totalmente especial. Uns plans adaptados a unha tempada curta, pero ao mesmo tempo buscando a competitividade e ligas atractivas para todos. Uns plans adaptados tamén á realidade económica dos clubs, de aí que se aposte pola división en máis grupos dos habituais e seguindo o criterio xeográfico para esa distribución. E uns plans homoxéneos tratando de manter o mesmo modelo en todas as competicións, sempre e cando sexa posible. Tratouse de evitar todo tipo de playoffs ou fases de ascenso para non repetir situacións como as da tempada pasada, asegurando deste xeito os efectos clasificatorios sempre que se dispute un mínimo da competición, tal e como se vai reflectir nas distintas circulares.
Necesidade de confirmar a inscrición para poder competir
Dado que esta é unha tempada claramente atípica e que a situación pode motivar a lexítima decisión de non participar por parte dalgún equipo, a RFGF entende que resulta imprescindible abrir un prazo de confirmación da participación nas distintas categorías para así poder definir os plans competicionais de maneira segura e que non se vexan afectados ao longo da tempada.
Categorías nas que é necesario realizar Test Covid cada 14 días
A ORDE do 17 de setembro de 2020, da Consellería de Sanidade, sobre a modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, establece, entre outras cuestións, que a práctica da activdade deportiva poderá realizarse de acordo cos protocolos dos que deben dispoñer as distintas federacións deportivas. E engade que en ditos protocolos “deberá preverse que cando a actividade deportiva supoña contacto físico entre as persoas que a practican deberá utilizarse a máscara, salvo que no protocolo respectivo se inclúan medidas alternativas de protección específicas”. E precisamente o protocolo da RFGF aprobado para as categorías sénior e a galega xuvenil establece a realización de test serolóxicos, antíxenos ou similares cada 14 días como medida de prevención ante a Covid-19. Esta esixencia abrangue tanto os adestramentos coma os partidos, si ben é importante sinalar que é obrigado usar a máscara en todas aquelas situacións antes, durante e despois dos adestramentos e dos partidos que non requiran contacto físico, seguindo as directrices do protocolo aprobado pola Xunta.
O primeiro test deberá realizarse ao inicio dos adestramentos e a partir de aí deberá repetirse cada 14 días. A RFGF ofrécese a garantir o suministro de test aos clubs que así o desexen e serán os propios clubs os que teñan a responsabilidade de realizar os test mediante a figura dun sanitario que certifique a realización dos mesmos.
Axudas económicas da RFGF e da Xunta
A RFGF comprometeuse a axudar aos clubs no financiamiento dos test e tamén a xestionar a colaboración da Xunta de Galicia nesta materia. Compromiso que se confirmou hai uns días co anuncio da Secretaría Xeral para o Deporte da convocatoria dunha liña de axudas de 2 millóns de euros para o deporte galego destinada a subvencionar gastos Covid, como é o caso dos test. Polo tanto, os clubs recibirán unha importante axuda económica para facer fronte a eses gastos extras que supón a prevención contra o virus.
Esta axuda da RFGF é subsidiaria respecto das subvencións e axudas públicas recibidas polo club polo mesmo concepto subvencionable.
Fútbol base, fútbol sala e Gaélico non precisan test e deben usar a máscara para adestramentos e competición
De acordo coas recomendacións da Xunta, a RFGF decidiu aprobar o uso da máscara en todas as categorías do fútbol base (a excepción da Galega Xuvenil) e tamén en todas as competicións do fútbol sala, tanto de sénior como de base, e igualmente no fútbol gaélico.
A decisión do Fútbol Gaélico responde incluso a unha petición expresa dos propios clubs e deportistas, que preferían esta opción para poder reanudar a competición.
A extensión do uso da máscara a todas as categorías do fútbol sala responde á unha recomendación da Secretaría Xeral para o Deporte, posto que se trata dunha especialidade deportiva que se practica en interior, en espazos pechados, o que garante unha óptima funcionalidade da máscara, a cal ao aire libre vese máis afectada polas situacións meteorolóxicas e tamén polo contacto con superficies como a herba ou a terra. O fútbol sala réxese deste xeito pola mesma medida de protección que todos os demais deportes galegos con contacto que se practican en espazos pechados (balonmán, baloncesto, hockei a patíns, taekwondo…).
Obriga de reportar os positivos ou situacións de risco á Federación e á Xunta
Todos os clubs están obrigados a comunicar tanto á Federación como á Xunta de Galicia todos os casos positivos que poidan aparecer nos seus equipos e tamén calquera incidencia que supoña un risco de contaxio. Para elo establécense diferentes vías e procedementos que desde a RFGF se comunicarán aos clubs a través de circulares específicas.
De feito, os clubs recibirán toda a información relativa aos plans competicionais, á inscrición nas categorías, aos efectos de non inscribirse, á normativa específica Covid ou ao procedemento de solicitude e realización dos test, en distintas circulares que se irán publicando e que se emitirán aos clubs a través do sistema interno de comunicación (Intranet).
Equipo de traballo específico
Co afán de estar a carón dos clubs e dos deportistas nunha situación tan especial e de tanda incertidume, a RFGF poñerá ao seu servizo un equipo de traballo exclusivo formado por técnicos federativos para dar resposta en todo momento a todas as dúbidas e preguntas que os clubs e deportistas poidan ter durante a tempada.
Desde a RFGF queremos agradecer ás administracións titulares das instalacións deportivas que permiten o correcto desenvolvemento da actividade dos nosos clubs e igualmente rogamos a súa colaboración para que esta actividade se poida levar a cabo con normalidade, sempre cumprindo cos protocolos aprobados.
O presidente da RFGF, Rafael Louzán, e a súa Xunta Directiva, agradecen profundamente a paciencia e a comprensión dos clubs, dos técnicos, dos deportistas, dos directivos e tamén dos afeccionados e familiares durante todos estes meses sen competición. Foron meses moi duros para todos e agora chega o momento de que todos unidos consigamos sacar adiante o noso deporte, pero sempre con moito sentidiño e cumprindo con todas as normativas sanitarias. Estamos convencidos de que o deporte é seguro, e os datos nos dan a razón, pero só se o facemos ben e seguimos todas as recomendacións das autoridades.
–PROTOCOLO FÚTBOL SENIOR E LIGA GALEGA XUVENIL
–PROTOCOLO FÚTBOL SALA E FÚTBOL BASE
Todos Unidos polo Fútbol Galego
Real Federación Galega de Fútbol
-Foto : ìratasdemuxia
-Texto : piratasdemuxia/RFGF