ADRIÁN ALTIMIRA : “Xogador do mes de marzal” : “Estamos facendo ben as cousas e tarde ou cedo os obxectivos iranse cumprindo”.

O Deportivo encara o tramo decisivo da tempada con oito xornadas por diante nas que depende de si mesmo para regresar á máxima categoría. Nun momento clave, Adrián Altimira “Alti”, foi elixido xogador do mes de marzo, falou da actualidade do equipo e de como se sente e amósase confiado no traballo do equipo e no camiño emprendido.

O futbolista catalán destacou, tras recoller o galardón como “mellor xogador de marzal”, que o vestiario ten claras as ideas: «estamos facendo ben as cousas e tarde ou cedo os obxectivos iranse cumprindo». Mesmo despois do empate ante o Málaga, Altimira insistiu en que «este é o camiño» para un equipo que cada vez se amosa máis sólido.

A nivel persoal, “Alti” vive un gran momento desde a súa chegada ao club. A súa rápida adaptación, tanto ao equipo como á súa nova posición, foi clave no seu rendemento. O xogador subliñou a importancia de sentirse arroupado: «síntome moi cómodo co equipo, co staff e coa afección, e iso está a axudarme a dar o mellor nivel».


Un equipo unido e con identidade

O empate ante o Málaga deixou unha sensación agridoce no vestiario, pero tamén reforzou a confianza no proxecto. «Quedáronnos esas ganas dos tres puntos. Mereciamos a vitoria», explicou Altimira, quen tamén destacou a conexión coa bancada: «ao final do partido celebrámolo coa afección como se fose unha vitoria máis. Neses pequenos detalles vese que o equipo está unido».

Esa unión está a traducirse nun equipo cada vez máis recoñecible: «somos máis fiables tanto defensiva como ofensivamente. Hai que seguir pulindo detalles, pero estamos contentos coa dinámica».


O reto do Huesca: humildade e concentración

O próximo compromiso levará ao Dépor a un campo complicado como o do Huesca. Altimira ten claro o enfoque: «é un partido moi difícil, de ti a ti. Só pensamos en facelo ben, conseguir os tres puntos e levar a vitoria».

O xogador insistiu na importancia de non subestimar a ningún rival: «por moito que sexan equipos de abaixo, todos se xogan moito. Hai que afrontar cada partido como se fose unha final».


Versatilidade e conexión no campo

Un dos aspectos máis destacados do seu rendemento é a súa adaptación a unha nova posición. «co paso dos partidos fun atopándome mellor, con moita confianza tanto por fóra como por dentro», comentou.

Tamén fixo fincapé na súa boa compenetración con Ximo Navarro: «combinarnos e variar posicións xera moitas dúbidas ao rival. Estamos axudando moito ao equipo».


As claves do crecemento

Para Altimira, a mellora do Deportivo baséase en varios factores, especialmente na presión tras perda e na solidez defensiva: «cando perdemos o balón, estamos sendo máis rápidos en recuperalo. E ser fiables atrás dálle moito valor ao equipo».

Ademais, destacou a importancia da continuidade: «hai que seguir así, partido a partido. Cando o obxectivo estea máis preto, xa se verá».


Un Dépor que cre

Co equipo dependendo de si mesmo para lograr o ascenso, o discurso de Altimira reflicte madurez e ambición. «sabemos o que estamos facendo ben e iso dános confianza para afrontar o que vén con ganas», asegurou.

Nun momento especial da tempada, incluso con iniciativas como a xornada retro, o foco segue sendo claro: competir ao máximo e sumar de tres en tres. Porque, como resume o propio “Alti”: «ese é o camiño».

.

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Vídeo : RC Deportivo