O xogador do Deportivo Adriá Altimira “Alti” mostrou o seu respaldo total ao adestrador Antonio Hidalgo e destacou o bo momento anímico do equipo tras a última vitoria, asegurando que o grupo está centrado en seguir mellorando e competir ao máximo nivel.
O lateral deportivista explicou que o vestiario está enfocado no traballo diario e non no ruído externo: «Os xogadores fixámonos no traballo que temos que facer nós no campo; o que pase fóra é un pouco secundario, pero todo o positivo que nos poida dar a afección vai ser incrible».
Sobre o técnico, Altimira foi contundente ao defender a súa figura: «Antonio, polo menos desde que estou eu, aportounos cousas boas desde o principio. Está guiándonos no camiño para poder chegar ao obxectivo». Ademais, engadiu que «non hai nada negativo cara a el» e destacou que, aínda que todos poden equivocarse, «o traballo que está facendo é incrible» e mostrouse convencido de que «con el imos chegar a grandes obxectivos».
Un triunfo que reforza ao equipo
O defensa tamén valorou a importancia da última vitoria, que considera un impulso anímico importante para o grupo: «A vitoria da pasada fin de semana deunos moita forza, tamén pola maneira na que foi». Segundo explicou, o equipo soubo manter a fe mesmo nos momentos complicados: «Foi moi importante seguir crendo aínda que o resultado non estivese ao noso favor».
Altimira asegura que o equipo xa pensa no seguinte reto: «Isto dános forza para seguir crendo e con ganas de seguir gañando, que creo que é o importante».
Feliz no Deportivo
O xogador confesou sentirse plenamente satisfeito coa súa decisión de fichar polo club coruñés: «Non me arrepinto nada desta decisión». Ademais, destacou o ambiente atopado desde a súa chegada: «Desde o principio, cos compañeiros, o staff e a afección, estou moi contento e agradecido polo apoio de todos».
Para o lateral, ese respaldo inflúe directamente no rendemento: «Iso súmase á hora de dar nivel e estar feliz. É a mellor decisión. Feliz de estar aquí».
A presión dun club histórico
Altimira recoñeceu que era consciente da esixencia que implica vestir a camiseta do Deportivo: «Sabía que viña a un club moi grande e cunha historia impresionante». O xogador asegurou que o equipo asume con naturalidade esa responsabilidade: «Todos somos conscientes da presión e estamos sabendo levala».
«Imos convivir con ela desde o principio ata o final», engadiu.
Mellorar día a día
O defensa explicou que o equipo traballa constantemente para evolucionar: «Traballamos día a día para intentar facelo o mellor posible». Segundo indicou, hai aspectos que mellorar e outros que potenciar, algo normal nun equipo en crecemento.
Tamén valorou a esixencia da afección: «É normal que unha afección así nos aprete tanto; é importante para non relaxarnos». O obxectivo, sinalou, é claro: «Pouco a pouco iranse minimizando os erros e verase unha mellor versión do equipo».
Un lateral adaptado ao fútbol moderno
Sobre o seu rol, Altimira destacou a versatilidade da posición: «Hoxe en día hai mil formas de xogar de lateral». Considera positivo poder adaptarse ao que pide o adestrador: «Adáptome rápido ao que pide o míster e iso está axudando ao equipo».
O xogador explicou que lle gusta alternar posicións: «Sempre me gustou combinar estar por dentro e por fóra; aos rivais ás veces cólleos descolocados».
A importancia dos centros
Altimira tamén incidiu no xogo ofensivo desde banda: «Cando hai centros é importante chegar con moita xente á área, porque iso achégate máis ao gol». Se non hai presenza ofensiva, explicou, o equipo debe buscar outras solucións polo interior.
Pendentes de Yeremay e do Granada
Sobre o estado do seu compañeiro Yeremay, indicou que «está facendo traballo para mellorar os problemas que ten» e mostrou o desexo do grupo de velo pronto de volta.
Respecto ao próximo rival, advertiu da súa dificultade: «O Granada ten xogadores con moita calidade individual». A pesar da súa dinámica irregular, lembrou que «é un equipo feito para estar arriba» e que será «un partido moi complicado».
O apoio de Riazor
Para rematar, Altimira destacou o papel fundamental da afección: «Temos moitas ganas de sumar outra vez de tres coa nosa xente». O xogador animou aos seareiros a seguir apoiando: «É un apoio incrible e vai facer que esteamos o máis arriba posible».
«Xa se viu no último partido, parecía que xogabamos na casa. Para nós é incrible, un xogador máis», concluíu.
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeo : RC Deportivo