Acordo entre o RC Deportivo e as peñas para poñer fin ao conflito polos abonos de Marathon Inferior.

A Federación de Peñas do RC Deportivo, Riazor Blues e Old Faces anuncian un acordo co club para revogar o documento de condicións particulares que motivou o conflito iniciado o pasado 7 de xullo. O pacto contempla novas normas para a identificación e a cesión dos abonos, así como a regulación do acceso á bancada de Marathon Inferior.

O acordo, ratificado o 23 de setembro nunha reunión entre as partes, supón un paso importante para pechar unha disputa que xerou tensión no deportivismo durante os últimos meses. Segundo explican os tres colectivos no comunicado conxunto, a solución acadada permite deixar sen efecto o documento anterior e substituílo por un novo anexo ás condicións xerais de contratación dos abonos.

Nas vindeiras horas, o RC Deportivo habilitará un procedemento na Área Privada do Abonado para que os seareiros afectados poidan consultar e aceptar o novo documento. Para que entre en vigor, será necesario ler o anexo completo e marcar a correspondente aceptación.

Entre os puntos recollidos no acordo figuran os procedementos de identificación e control de acceso a Marathon Inferior, o tratamento dos datos persoais (incluído o anverso do DNI) e o sistema de cesión dos abonos a través das canles telemáticas oficiais do club. A persoa beneficiaria dunha cesión deberá facilitar unha copia do anverso do seu documento de identidade e aceptar o anexo. Ademais, a cesión deberá realizarse mediante os mecanismos oficiais establecidos para evitar posibles infraccións.

O texto tamén incorpora o compromiso de traballar para erradicar os cánticos que poidan derivar en sancións económicas para a entidade branquiazul.

Os colectivos reivindican o papel do deportivismo

No comunicado, a Federación de Peñas, Riazor Blues e Old Faces cualifican o proceso como unha das etapas máis difíciles da historia recente do club. As entidades destacan que a mobilización social, as protestas e o apoio da afección foron determinantes para avanzar cara a unha solución negociada.

Os asinantes agradecen expresamente a participación de todas as persoas que apoiaron as reivindicacións, desde a primeira asemblea informativa celebrada o 9 de xullo ata a sinatura do novo anexo. Consideran que a unión do deportivismo permitiu exercer a presión necesaria para desbloquear unha negociación que, inicialmente, parecía complicada.

A valoración final dos tres colectivos é positiva e consideran que o acordo resulta satisfactorio para as partes implicadas. Con todo, advirten de que a solución non significa que o traballo estea rematado.

Quedan cuestións pendentes

As peñas sinalan que seguirán traballando para mellorar as condicións dos deportivistas. Entre as cuestións que consideran prioritarias están a evolución dos prezos dos abonos nas próximas tempadas e a mellora das bancadas do estadio.

O comunicado conclúe cunha mensaxe de agradecemento á afección e cun chamamento á unidade arredor do equipo: «Sempre co Dépor, só unha forza».

ACORDO PARA MARATHON INFERIOR

Desde os tres Colectivos que estivemos negociando co Club nos últimos meses queremos anunciar que chegamos a un acordo co RC Deportivo para pechar así o conflito iniciado o 7 de xullo coa publicación do documento de Condicións Particulares para Marathon Inferior. Este novo acordo foi ratificado na reunión que mantiveron ámbalas dúas partes (colectivos e club) o 23 de setembro, e implica a revogación do documento de Condicións Particulares (que sempre foi o noso obxectivo fundamental), a regulación do abono de Marathon Inferior por medio das Condicións Xerais de Contratación de Abonos e a aceptación dun anexo coas novas cláusulas que establecen o proceso de identificación e de cesión do abono.

Nas vindeiras horas o RC Deportivo vai habilitar un mecanismo na súa Área Privada do Abonado para que todas e todos os abonados de Marathon Inferior poidamos realizar o proceso de aceptación do novo Anexo ás Condicións Xerais de Contratación de Abonos. Durante este proceso haberá que ler o novo anexo de xeito íntegro e aceptalo marcando o recadro correspondente. Unha vez feito isto, o novo anexo estará vixente e deixaremos sen efecto o documento coas Condicións Particulares para Marathon Inferior.

O anexo consensuado entre os Colectivos e o Club consta de 14 cláusulas onde se recollen os procesos de identificación e control de acceso aplicables a Marathon Inferior, o tratamento dos nosos datos persoais, incluído o anverso do DNI, e o sistema de cesión de abono mediante os medios telemáticos establecidos polo Club. A persoa beneficiaria do abono deberá proporcionar copia do anverso do seu DNI e aceptar este anexo, e a cesión deberá realizarse sempre a través da canle oficial establecida para evitar posibles infraccións. Neste novo anexo tamén se recolle o noso compromiso de erradicar os cánticos que poidan derivar en sancións económicas para o Club.

Con este acordo pechamos unha das etapas máis escuras na historia moderna do Deportivo. Foi un proceso longo, intenso e difícil que agardamos non se volva repetir.

Pola nosa parte consideramos que o resultado final da negociación foi todo un éxito e que o acordo é satisfactorio para todas as partes implicadas.

Pero nada do que se conseguiu tería sido posible sen o apoio DE TODO O DEPORTIVISMO. Desde aquela primeira asemblea informativa o 9 de xullo, ata a firma do novo anexo hai uns días, a mobilización e a loita de todas e todos os seareiros deportivistas foi clave para poder acadar o obxectivo. Cada mostra de apoio, cada camiseta laranxa que se viu en Riazor, cada persoa que participou nas diversas iniciativas e protestas serviu para exercer a presión necesaria e forzar unha negociación que parecía inalcanzable.

Polo tanto, MOITAS GRAZAS a toda esa xente que axudou e puxo para que hoxe poidamos anunciar este acordo. O voso esforzo, unión e compromiso tiveron o resultado desexado.

Por último queremos manifestar que este acordo non é un punto e final. Aínda queda moito que traballar e temos o compromiso de seguir intentando mellorar as condicións dos deportivistas en xeral. Evitar a suba indiscriminada dos prezos dos abonos para as vindeiras tempadas, que é un tema moi sensible para todo o deportivismo, ou a mellora das nosas bancadas, son algúns dos aspectos polos que imos seguir loitando.

SEMPRE CO DÉPOR, SÓ UNHA FORZA.

–

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Comnicado : Federación de Peñas/Riazor Blues/Old Faces

–