A xove promesa muxiana Claudia Otero reforza o proxecto feminino da UD Cerqueda.

A UD Cerqueda anúncianos a incorporación de Claudia Otero (Figueiras-Muxía, 2012), unha das xoves promesas do fútbol da Costa da Morte, que pasa a formar parte da estrutura deportiva do club para a vindeira tempada.

Formada nas categorías inferiores do CF Muxía , a futbolista muxiá destaca pola súa polivalencia sobre o terreo de xogo, unha calidade que lle permitirá competir tanto no equipo cadete como no conxunto sénior feminino da entidade cerquedense.

de esquerda a dereita : Claudia Otero, Claudia Neira, Laura e Noa, co Depor ABANCA 

A chegada de Claudia ao Cerqueda supón un novo paso na súa progresión deportiva. Fai unhas semanas tivo a oportunidade de vivir unha experiencia moi especial ao participar nun adestramento co Dépor ABANCA de base, un recoñecemento ao seu talento e ao traballo desenvolvido durante os últimos anos. Nese adestramento coincidio con tres rapazas do UD Cerqueda, Claudia Neira, Laura López e Noa Rellán.

Na tempada 2026/27, a xogadora formará parte do equipo cadete da UD Cerqueda, que competirá na Liga Galega, ao tempo que tamén achegará o seu potencial ao equipo sénior. Así o destacou o presidente do club, Jorge Ardeira, que confía en que “a futbolista contribúa co seu talento, esforzo e capacidade goleadora ao crecemento do proxecto feminino da entidade”.

Desde a UD Cerqueda deron a benvida á nova incorporación, convencidos de que a súa chegada reforzará notablemente ambos os dous equipos e de que seguirá medrando como futbolista nos próximos anos.

O clube cerquedense é un dos que maior volume ten de equipos de base nas categorías masculinas como nas femininas, nesta derradeira modalidade a xogadora do primeiro equipo Mariña Díaz fará tamén as veces como adestradora do equipo benxamín, e no que se refire ao cadete feminino o adestrador será Dani García, tal e como xa vos temos informado. Tamén vos temos informado da volta a casa para xogar no senior feminino de Paula Veiga que chega tras 3 anos no UC Cee nos que bilou de maneira especial. A pasada campaña foi a máxima goleadora con 25 tantos materializados.

AVISO IMPORTANTE

“Nesta época estival tan só iremos poñendo os torneos, renovacións, fichaxes, amistosos, etc, que os clubes, afeccionados, socios, etc nos envíen, tal e como xa vimos facendo nos derradeiros anos. Poden mandarnos a información, fotos, vídeos, etc, o noso Whatsapp : 626 72 00 47 ou polas canles que temos na parte de abaxio da web en calquer noticia ou na portada”.

-Fotos : UD Cerqueda

-Texto : Xosé Búa “Pirata”