A XORNALISTA MERCEDES CERNADAS NOVA DIRECTORA DE COMUNICACIÓN DO RC DEPORTIVO.

 

O RC Deportivo incorpora á xornalista coruñesa Mercedes Cernadas como nova directora de comunicación do Club.

Mercedes Cernadas (Oleiros, A Coruña, 1983) é licenciada en Xornalismo pola USC. Ten un máster en Dirección de Comunicación e Relacións Públlicas, un posgrao en Mercadotecnia Dixital e Community Management e outro de experta universitaria en Responsabilidade e Innovación Social da Cátedra Inditex da UDC.

Con case dúas décadas de experiencia en comunicación, vén de exercer o cargo de xefa de prensa da Delegación do Goberno en Galicia. Ao longo da súa traxectoria foi asesora de diferentes entidades e empresas e asumiu cargos de dirección en medios e en comunicación política.

Traballou e colaborou en diferentes medios de comunicación na cidade da Coruña, e nos seus inicios como xornalista deportiva cubriu a información de deportes e do RC Deportivo para DXT Campeón, Telecoruña ou La Opinión, ademais de participar en análise de fútbol en Radio Coruña Cadena SER ou Localia TV. 

Con esta incorporación, o RC Deportivo reforza o seu departamento de comunicación tal e como avanzou Álvaro García Diéguez tralo seu nomeamento como Presidente o pasado luns 17 de xuño.

-Foto e Texto : RC Deportivo