A vimiancesa Clara Mancebo, protagonista desde dentro da Final da Copa do Mundo de Slalom.

A deportista do CDM Piragüismo Dumbría Clara Mancebo Landeira viviu esta pasada fin de semana unha experiencia especial na Final da Copa do Mundo de Slalom, disputada na Seu d’Urgell, no Parc Olímpic del Segre.

A piragüista vimiancesa participou como voluntaria na organización da competición, formando parte do equipo encargado de revisar as embarcacións unha vez rematadas as probas. Entre as súas tarefas estivo o control e verificación dos barcos dos participantes, mediante o seu pesado e medición para comprobar que cumprían cos requisitos establecidos polo regulamento.

A experiencia permitiulle a Clara achegarse de primeira man a unha competición do máximo nivel internacional e coñecer desde dentro o funcionamento dun evento no que se reuniron algúns dos mellores especialistas mundiais do slalom.

Unha oportunidade para aprender, compartir espazo con grandes referentes da modalidade e vivir o piragüismo desde unha perspectiva diferente nun dos escenarios máis emblemáticos desta disciplina.

–

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Foto e información : Prensa CDM Piragüismo Dumbría

–