A UD Cerqueda impulsa o fútbol feminino cunha xornada de portas abertas en Buño ó 1 de abril.

O fútbol feminino continúa gañando protagonismo na Costa da Morte cunha nova iniciativa destinada a fomentar a participación e achegar este deporte ás máis novas. A UD Cerqueda organizará unha Xornada de Portas Abertas de Fútbol Feminino o vindeiro 1 de abril ás 17:00 horas, unha cita pensada para todas aquelas rapazas que queiran iniciarse ou probar a experiencia de xogar ao fútbol.

O evento terá lugar no Campo de Fútbol de Xaviña, en Buño, onde as participantes poderán coñecer de primeira man o funcionamento do club e compartir unha tarde de deporte e convivencia. A actividade contará ademais coa presenza dunha xogadora do Dépor Abanca, que visitará a xornada para apoiar a iniciativa e servir de referente ás futuras futbolistas.

Desde a organización animan a todas as interesadas a participar, destacando o carácter aberto e formativo da actividade: unha oportunidade perfecta para descubrir o fútbol nun ambiente inclusivo e divertido baixo o lema “Se che gusta o fútbol, anímate a vir probar!”.

A xornada está organizada pola UD Cerqueda e conta coa colaboración de distintas entidades e institucións, entre elas o RC Deportivo, Deputación da Coruña, o Concello de Malpica e a Real Federación Galega de Fútbol, que apoian o impulso e crecemento do fútbol feminino na comarca.

Con iniciativas como esta, o club busca seguir fortalecendo a base do fútbol feminino e ofrecer novos espazos deportivos para as rapazas da zona, promovendo valores como o compañeirismo, o deporte saudable e a igualdade no ámbito futbolístico.

.

-Foto : UD Cerqueda

-Texto : Xosé Búa “Pirata”