A SD Negreira suspende temporalmente a venda de entradas para o SD Negreira-Real Sociedad da Copa do Rei pola avalancha de pre-reservas

A expectación xerada polo histórico encontro de Copa do Rei entre a SD Negreira e a Real Sociedad, (28/10/25 ás 21:00 horaso), está a desbordar todas as previsións do club vermello. Logo de abrir o prazo de pre-reserva de entradas para socios, veciños e afeccionados a través do número de teléfono habilitado, o ritmo de solicitudes foi tan alto que o aforo do Estadio García Calvo quedou practicamente cuberto en apenas unhas horas.

Ante esta situación, e co obxectivo de que o maior número posible de seareiros poidan gozar do partido ante un rival de Primeira División, a entidade negreiresa decidiu ampliar o aforo do estadio e suspender temporalmente a venda ao público en xeral, prevista inicialmente para o venres 17 de outubro.

O club anunciou tamén que se abrirá unha segunda fase de venda, respectando a orde das pre-reservas realizadas, e que se comunicará nos vindeiros días a data e hora exactas para retirar esas novas entradas.

O entusiasmo e apoio da afección están a converter esta cita nun auténtico acontecemento histórico para o fútbol negreirés e para toda a comarca do Barcala.

Comunicado oficial da SD Negreira

Debido á alta demanda de entradas para o histórico encontro de Copa do Rei entre a SD Negreira-Real Sociedad, o club informa que:

 Imos realizar unha ampliación do aforo do estadio, acometendo reformas que permitan acoller a un maior número de afeccionados e afeccionadas. Como primeira medida, suspéndese temporalmente á venda ó público en xeral, fixada a partir do venres 17 de outubro.

Como consecuencia, haberá unha segunda fase de venda de entradas, da que se informará en breve, indicando o día e a hora exactos nos que se poderán retirar estas novas entradas.

 Esta segunda fase respectará a órde de PRE-RESERVA feita a través do número de teléfono habilitado polo club, polo que agradecemos a vosa paciencia e comprensión.

 Grazas a toda a afección polo enorme apoio. Estamos a traballar para que ninguén quede sen vivir este momento histórico co equipo!”.

-Foto : Concello de Negreira

Texto : Xosé Búa “Pirata”/Prensa SD Negreira