A SD Negreira amplía a venda de entradas para o histórico partido de Copa do Rei ante a Real Sociedad.

A ilusión segue medrando en Negreira o clube bastión da localidade nicrariense confirmou a ampliación ata un total de 3.000 entradas dispoñibles para o encontro histórico de Copa do Rei que a entidade vermella disputará o vindeiro martes 28 de outubro fronte á Real Sociedade, equipo da Primeira División, ó 28/10/25 ás 21:00 horas.

O club explicou que, debido ao enorme apoio do público e á boa acollida das pre-reservas de abonos, decidiu incrementar o número de entradas á venda e ampliar tamén os días de dispoñibilidade para o público xeral.

As últimas entradas, preto de dúascentas, poranse á venda no Campo Jesús García Calvo os días martes 22 e mércores 23 de outubro. Corresponden ás zonas de fondo e teñen un prezo de 30 euros. O punto de venda permanecerá aberto en horario de mañá (11:00 a 13:00) e de tarde (19:00 a 21:00).

Desde a entidade negreiresa quixeron agradecer o apoio masivo recibido tanto por parte dos socios e socias como dos afeccionados e do conxunto da comarca. “O club, directivos, adestradores e xogadores están a vivir un momento histórico que de seguro desfrutaremos todos e todas ao seu carón”, sinala o comunicado.

O Campo García Calvo vestirase de gala o vindeiro martes para converterse, segundo as palabras do club, “nun auténtico latexo vermello común”. A SD Negreira confía en que o encontro de Copa do Rei fronte á Real Sociedade sexa unha auténtica festa do fútbol, tanto para quen o viva desde as bancadas como para quen o siga desde as súas casas.

Porque, como lembran desde o club, “a SD Negreira lévase no corazón”, e o 28 de outubro Negreira enteira latirá en vermello.

-Foto : www.piratasdemuxia.es

Texto : Xosé Búa “Pirata”/Prensa SD Negreira