A RFGF TEN ABERTO ATA ÁS 23:59 HORAS DESTE VENRES O PRAZO DE INSCRICIÓNS PARA AS LIGAS “EXPRÉS” DE FÚTBOL SENIOR E FEMININO, FUTSAL E FÚTBOL BASE AUTONÓMICOS.

 

A Orde do 15 de febreiro de 2021 da Consellería de Sanidade pola que se dispón a prórroga e a modificación das medidas de prevención específicas previstas na Orde do 26 de xaneiro de 2021, veu a modificar a situación do fútbol galego permitindo a práctica da actividade deportiva federada de ámbito autonómico cunha serie de condicionantes.

En base á decisión adoptada polo Comité Clínico e publicada pola Xunta de Galicia no DOGA, a Real Federación Galega de Fútbol decidiu retomar a activación das principais categorías autonómicas que xa tiñan o inicio programado para finais de xaneiro antes da suspensión temporal de todo o deporte galego por parte da Xunta de Galicia. Pero como a situación mudou logo destas case catro semanas de paralización, a RFGF entende que as condicións son diferentes ás aprobadas pola Comisión Delegada en xaneiro, e por iso elevou este venres unha nova proposta ao órgano representativo da Asemblea Xeral para a súa aprobación.

 

A devandita proposta consiste nas seguintes bases xerais do plan competicional das ligas activadas:

 

  1. As competicións terán unha configuración exprés (duración de 10 a 16 semanas)
  1. Iniciaranse a finais de marzo as seguintes categorías:

Fútbol: Preferente Galicia, 1ª División Feminina, Liga Galega Xuvenil, División de Honra Cadete, Liga Galega Cadete, Liga Galega Infantil e tamén se suma a Liga Galega Infantil Feminina.

Fútbol sala: Preferente masculina e feminina, Liga Galega Xuvenil masculina e feminina, División de Honra Cadete, Liga Galega Cadete masculina e feminina, Liga Galega Infantil masculina e feminina e Liga Galega Alevín masculina e feminina.

  1. Os efectos clasificatorios das competicións tenderán a dirimir os correspondentes ascensos, pero sen descensos, sin que iso impida a posibilidade de descensos administrativos a modo de sanción pola comisión de infraccións graves que teñen estipulado ese castigo: tres incomparecencias ou retirada do equipo unha vez inscrito e con calendario aprobado.
  1. Ábrese un novo prazo de inscrición voluntaria dos equipos con motivo da modificación substancial das condicións da competición, sen que a falta de inscrición de equipos teña consecuencias disciplinarias. No caso das categorías inicialmente activadas, este prazo comeza hoxe e manterase aberto ata as 23:59 horas do vindeiro venres día 26 de febreiro.
  1. Á vista da tardía data de inicio das competicións debido ás medidas adoptadas polas autoridades sanitarias a causa da pandemia, así como en previsión de posibles suspensións temporais por causas de forza maior, acórdase que o remate da tempada podería ir máis aló do 30 de xuño.
  1. Esta tempada 2020/2021 non haberá cobertura de vacantes no suposto de renuncias por non inscrición nas distintas categorías debido á necesidade de acomodar as categorías aos seus formatos anteriores ás circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia.
  1. Esta tempada 2020/2021 non rexerá ningún límite de xornadas para que se permita o cambio da orde de campos prevista no artigo 104.1. g) do Regulamento Xeral. – Aprobado en reunión de Comisión Delegada de data 19 de xaneiro de 2021.

No referente ás demais categorías, a RFGF consultará cos distintos comités na próxima semana para tomar decisión relativas a unha posible activación, reuníndose co Comité de Fútbol Base o luns e cos de Fútbol Feminino e Fútbol Sala o martes. En todo caso só se activarían si se dan as condicións sanitarias e competicionais para elo.

-Foto : piratasdemuxia

-Texto : http://www.futgal.es/


Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies