A RFGF ÁBRESE MÁIS QUE NUNCA Á GRAN FAMILIA DO FÚTBOL E DO FÚTBOL SALA GALEGO E DÁ VOZ A MÁIS DE 900 CLUBS POR MEDIO DE ENCONTROS TELEMÁTICOS
Nun exercicio de transparencia sen precedentes a RFGF mantivo máis de 20 encontros telemáticos nos que escoitou aos 4 clubs da Segunda B, aos 20 de Terceira, aos 40 da Preferente, aos 90 da Primeira Galicia, aos máis de 380 de Segunda e Terceira Galicia, ao Fútbol Feminino, a 100 clubs de Fútbol Sala e a todas as entidades que integran o Fútbol Veterano
O obxectivo destas reunións era coñecer como están a xestionar as entidades a situación creada polo parón competitivo, ademais das súas ideas e suxerencias en todos os ámbitos, pero principalmente desde o punto de vista competitivo
A Federación está a estudar todas as posibilidades e propostas co obxectivo de tomar a mellor decisión posible e sempre dependendo da decisión final que adopte a RFEF, pero sempre sabendo que a nosa prioridade segue sendo a saúde e gañarlle a batalla ao Covid-19
A Real Federación Galega que Fútbol que dirixe Rafael Louzán volveu a demostrar que está máis preto dos clubs que nunca. Nun exercicio de transparencia sen precedentes no balompé autonómico, a Federación deu voz a practicamente todos os clubs galegos do fútbol semiprofesional e afeccionado. Durante as últimas dúas semanas, a Xunta Directiva encabezada polo presidente Louzán mantivo máis de 15 encontros telemáticos nos que deu voz aos 4 representantes galegos na Segunda División B, aos 20 clubs de Terceira, aos 40 da Preferente, aos 90 da Primeira Galicia e aos máis de 380 da Segunda e Terceira Galicia das sete delegacións e subdelegacións federativas (A Coruña, Ferrol, A Costa, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo). Tamén a todo o fútbol feminino e a más de 100 clubs de fútbol sala. En total, máis de 900 clubs son os que asistiron a todas estas reunións, as cales tiveron un éxito absoluto de convocatoria e de participación (un 80% dos clubs), tendo todos a oportunidade de expresar a súa opinión.
O obxectivo destas reunións non era outro que coñecer como están a xestionar os clubs a situación creada polo parón competitivo, ademais das súas ideas e suxerencias en todos os ámbitos, pero principalmente desde o punto de vista competicional tendo en conta a situación de excepcionalidade.
Ademais, a Federación tamén coñeceu de primeira man o sentir do fútbol feminino tras as videoconferencias que mantivo cos nosos representantes na Liga Iberdrola e Reto Iberdrola, Primeira Nacional Feminina e Primeira e Segunda Galega.
Fútbol Sala
A Real Federación Galega de Fútbol tamén tomou boa nota das suxerencias de todos os equipos das categorías nacionais de fútbol sala: Primeira, Segunda, Segunda División B e Terceira masculinas, ademáis da Preferente; Primeira e Segunda División femininas e a División de Honra Xuvenil. En total, o ente federativo escoitou a máis de 100 clubs de fútbol sala.
Nos vindeiros días tamén se programarán reunións cos clubs de fútbol sala das ligas locais para así escoitar a todos e cada un dos clubs da especialidade.
Futbol Veterano
Cómpre salientar que a Xunta Directiva da RFGF tamén ten intención de reunirse nas vindeiras semanas con todos os clubs de Fútbol Veterano. Xa o fixo con algúns da Delegación de Pontevedra e tamén o fará con todos os demais.
Propostas
Durante estes encontros telemáticos o presidente Rafael Louzán presentou un informe e púxose sobre a mesa a situación das distintas competicións federativas. De igual modo analizouse a situación dos adestradores e xogadores, escoitando as necesidades dos clubs.
Como no resto de competicións, a pandemia mundial supuxo o paro indefinido das competicións federadas así como as eliminatorias de Copa. A Federación deixa claro que a prioridade absoluta agora mesmo é a saúde e ante as dúbidas dos clubs móstrase aberta a escoitar as diferentes propostas para o futuro da competición. Enriba da mesa varias posibilidades sobre as que se pronunciaron os clubs: anulación total da tempada invalidando as clasificacións; reiniciar a tempada cando existan garantías sanitarias e dar por finalizada a competición dando validez ás clasificacións existentes a 14 de marzo (momento no que se decretou o estado de alarma) aplicando os ascensos estipulados pero non os descensos.
Comisión Deportiva
A Comisión Deportiva da RFGF continúa traballando sen descanso durante as últimas semanas co obxectivo de analizar a situación competicional derivada pola pandemia. Dita Comisión, da que forman parte os membros do departamento de Competición e a Dirección Deportiva da Federación, xa estableceu unha folla de roteiro e contempla varios escenarios para dar solución a esta complexa situación deportiva en canto a RFEF adopte a decisión definitiva. Unha decisión global para todo o fútbol 11 galego tratando de ser o máis xustos posibles nunha situación claramente excepcional na que resulta imposible dar coa solución perfecta.
Influencia da decisión da RFEF
A Federación está a estudar todas as posibilidades e propostas co obxectivo de tomar a mellor decisión posible sempre tendo en conta a decisión final que adopte a Real Federación Española de Fútbol, pois o que se faga nas categorías nacionais ten influencia sobre as autonómicas.
Todo elo sendo moi conscientes de que a prioridade é a saúde e cumprir coas recomendacións das autoridades sanitarias. Por iso, a Xunta Directiva está en permanente contacto coas autoridades e xa mantivo tamén varios encontros con especialistas ben coñecedores dunha situación de pandemia como a que estamos a vivir. Polo momento son moitas as incógnitas que se irán disipando co paso das semanas, polo que solicitamos prudencia a todos e seguir loitando por gañarlle a batalla ao Covid-19.
-Foto e Texto : RFGF
++++
Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.
Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es
Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.