A RFGF FAI HISTORIA COA PRIMEIRA LICENZA DE PERSOA DISCAPACITADA AUTORIZADA

 

Categorías de base da AD Montecelo.

Álex, xogador da Agrupación Deportiva Montecastelo, debutou a pasada fin de semana grazas a esa licenza adaptada que lle permite xogar nunha categoría inferior á da súa idade, acorde á súa capacidade

Seguindo o artigo 51 da Lei do Deporte de 2012, a Federación aprobou a creación de competicións oficiais para persoas con discapacidade, unha decisión que en moi pouco tempo tomará forma coa primeira competición oficial para discapacitados da RFGF

Alex é un neno moi especial, cunha discapacidade dun 47% por autismo e déficit visual e cos mesmos soños que outros moitos nenos e nenas.

Os seres humanos somos moi propensos a iso de poñer barreiras. Fixémolo ao longo da historia. Barreiras arquitectónicas, barreiras a modo de fronteiras, barreiras económicas e, sobre todo, barreiras de tipo social. Gustounos sempre iso de limitar as capacidades de cada un polo simple feito de ser diferente: por ser muller, por ser pobre, por ser pequeno, por ter unha cor distinta. E que dicir xa se a túa realidade era a de ter unha discapacidade física ou psíquica.

Por sorte, vivimos nun tempo no que moitas desas barreiras están a tirarse abaixo a base dun gran esforzo, de moito picar pedra porque en moitos casos son barreiras asentadas con firmeza ao longo dos séculos. E se hai algo que nos pode servir de exemplo, que nos marca o camiño a seguir, ese é o deporte, e en particular o fútbol. Está claro que queda moito camiño por andar, pero os pasos son firmes e as barreiras cada vez son máis febles e derrubables.

Podemos dicir, con escasa probabilidade de equivocarnos, que na sociedade mundial non hai nada máis democrático que o fútbol. O fútbol é de todos e para todos. Para os grandes, para os pequenos, para os que teñen cartos e para os que non, para todas as razas e relixións. E, por suposto, o fútbol é para as mulleres de igual xeito que o é para os homes. E por suposto tamén, o fútbol é para todos aqueles que teñen algunha discapacidade. Todos podemos xogar a este marabilloso deporte.

Na Real Federación Galega de Fútbol propuxémonos firmemente coller o pico e darlle golpes a esas barreiras ata facelas caer. Nos últimos anos a Federación estivo dun xeito decidido a carón dos avances sociais. Pero non só para saír na foto. Fixémolo co convencemento de que este é o camiño a seguir, o de traballar día a día por un fútbol por e para todos. Apostamos moi forte pola igualdade con iniciativas firmes de promoción do fútbol feminino, especialmente de base. Unha aposta amparada en accións concretas de apoio económico aos clubs e os resultados son más que evidentes. Hoxe xa temos 32 equipos que compiten en ligas exclusivas de fútbol feminino de base. Xa non hai marcha atrás. A muller está de pleno dereito neste deporte que sempre debeu ser delas igual que deles.

Pero tiñamos unha débeda pendente, unha barreira que nos estaba custando botar abaixo. Demostramos o noso compromiso pola inclusión con diferentes accións e iniciativas, pero faltaba algo. Quedaba dar un paso necesario, abrir un camiño que debe marcar un antes e un despois no noso fútbol. Os discapacitados tamén teñen dereito a competir de maneira federada.

Por iso, a xunta directiva da RFGF aprobou na súa última reunión de traballo dúas medidas que son claves, dúas medidas aprobadas posteriormente e de maneira unánime pola Comisión Delegada.

1. Seguindo o artigo 51 da Lei do Deporte de 2012, a Federación aprobou a creación de competicións oficiais para persoas con discapacidade. Unha decisión que en moi pouco tempo tomará forma coa primeira competición oficial para discapacitados da RFGF.

2. A segunda medida vai directamente vencellada coa inclusión. A Federación aprobou a creación da licenza PDA, a licenza de persoa discapacitada autorizada. É dicir, que a Federación autoriza a unha persoa discapacitada a participar en competicións oficiais se o solicita o pai/nai/titor, se existe un informe favorable do médico ou do terapeuta ocupacional e lle da o visto bo un médico da Mutualidade. Desde xeito, a Federación pode autorizala a competir nunha categoría inferior á que lle corresponde por idade.

Ata o de agora non concedéramos ningunha licenza PDA. Álex derrubou o muro. Álex e o seu club, a AD Montecastelo de Vigo. Este rapaz con discapacidade intelectual ama este deporte. Quere xogar ao fútbol. Quenes somos os demais para impedirllo? O noso deber é facelo posible. Para Álex a súa discapacidade fai que o salto de categoría represente un obstáculo para xogar ao fútbol. Cal é a solución? A licenza PDA. Álex xa ten a autorización da Real Federación Galega de Fútbol para xogar, por unha temporada máis, nunha categoría asequible ó seu nivel. E así o fixo o pasado venres 11 de outubro de 2019, unha data que pasará á historia do noso fútbol. O camiño está marcado e en breve Álex xa non será o único.

Parabéns a Álex e á súa familia e parabéns á A.D. Montecastelo.

-Texto : César Méndez, (RFGF)

-Fotos : RFGF

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email : admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.