A RFGF ESCOITA A TODOS OS CLUBS DE GALICIA DAS DIFERENTES ESPECIALIDADES MEDIANTE ENCONTROS TELEMÁTICOS

Rafael Louzán nun intre das conversas.

 

O obxectivo destas reunións é coñecer como están a xestionar os clubs a situación creada polo parón competitivo, ademais das súas ideas e suxerencias en todos os ámbitos, pero principalmente desde o punto de vista competitivo

A Federación está a estudar todas as posibilidades e propostas co obxectivo de tomar a mellor decisión posible, pero sen ter présa porque a nosa prioridade segue sendo a saúde e gañarlle a batalla ao coronavirus

A Real Federación Galega de Fútbol, co seu presidente Rafael Louzán e os membros da Xunta Directiva, segue traballando a diario e mantén un contacto moi estreito con todos os clubs de Galicia mediante unha serie de encontros telemáticos cos responsables das diferentes entidades deportivas. O obxectivo destas reunións é coñecer como están a xestionar os clubs a situación creada polo parón competitivo, ademais das súas ideas e suxerencias en todos os ámbitos, pero principalmente desde o punto de vista competitivo tendo en conta a situación de excepcionalidade.

A RFGF puxo en marcha hai uns días as reunións cos clubs das distintas categorías, comezando cos catro equipos galegos da Segunda División B. De igual modo xa o fixo con todos os clubs galegos de Terceira División (20), Preferente (40) e Primeira Galicia (90), e esta semana continuará a rolda de contactos coas entidades da Segunda e Terceira Galicia (unhas 400 en total).

Ademais, a Federación tamén coñece de primeira man o sentir do fútbol feminino tras as videoconferencias que mantivo a pasada semana cos nosos representantes na Liga Iberdrola e Reto Iberdrola, Primeira Nacional Feminina e Primeira Galega. Hoxe mércores, Louzán e a Xunta Directiva reuniranse cos clubs da Segunda Galega.

Durante estes encontros telemáticos o presidente Rafael Louzán presentou un informe do presidente e púxose sobre a mesa a situación das distintas competicións federativas. De igual modo analizouse a situación dos adestradores e xogadores, escoitando as necesidades dos clubs.

Como no resto de competicións, a pandemia mundial supuxo o paro indefinido das competicións federadas así como as eliminatorias de Copa. A Federación deixa claro que a prioridade absoluta agora mesmo é a saúde e ante as dúbidas dos clubs móstrase aberta a escoitar as diferentes propostas para o futuro da competición.

.

Fútbol Sala e Fútbol Veterano

A Real Federación Galega de Fútbol tamén tomou boa nota das suxerencias de todos os equipos das categorías nacionais de fútbol sala: Primeira, Segunda, Segunda División B e Terceira masculinas, ademáis da Primeira e Segunda División femininas e a División de Honra Xuvenil. Na folla de ruta da RFGF tamén está prevista unha xuntanza telemática cos clubs da Preferente de fútbol sala.

Cómpre salientar que tamén está previsto reunirse cos equipos que integran a competición de Fútbol Veterano.

En definitiva, a RFGF volve demostrar que está sempre á beira dos nosos clubs, de todos eses que forman a gran familia do fútbol galego. A Federación está a estudar todas as posibilidades e propostas co obxectivo de tomar a mellor decisión posible, pero sen ter présa porque a nosa prioridade segue sendo a saúde e gañarlle a batalla ao coronavirus.

.

-Foto e Texto : Gabinete de Comunicación da RFGF

.

 

 

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.