A RFEF que ven de convocar a Asemblea Xeral e a presidencia, infórmanos nunha nota de prensa de que a : Primeira e Segunda División de fútbol feminino, Primeira e Segunda División de fútbol sala e Primeira División de fútbol sala feminino, pasarán a ter esta cualificación. Abandonan a consideración de fútbol afeccionado, tras o cambio de Estatutos da RFEF.
Crearanse Comités Profesionalizados para a xestión das competicións. A Real Federación Española de Fútbol declarou competicións profesionalizadas as oficiais de ámbito estatal Primeira e Segunda de fútbol feminino, Primeira e Segunda de fútbol sala masculino e Primeira de fútbol sala Feminino, nun paso máis por avanzar no desenvolvemento destas disciplinas deportivas.
Ata o momento, estas competicións eran consideradas como de fútbol afeccionado, pero a RFEF presentou unha modificación dos seus estatutos, aprobada polo CSD, que permite establecer esta cualificación para aquelas competicións que reúnan condicións materiais, económicas, profesionais e laborais que o fagan aconsellable.
Este feito supoñerá a creación de Comités Profesionalizados, onde se integrarán todos os clubs que participan nas mesmas e que terán autonomía para xestionar os distintos aspectos destes deportes, dentro dos órganos da Federación. A cualificación de competición profesionalizada supón que nas bases da competición haberá unha serie de requisitos sobre a profesionalidade das e os futbolistas e outros participantes na mesma, por exemplo os técnicos.
Nestas normas fixaranse tamén as condicións mínimas de carácter laboral que deberán reunir os participantes, como o orzamento dos clubs, posible orzamento mínimo para o persoal con contrato de traballo do primeiro equipo, número mínimo de licenzas profesionais, salarios mínimos para competir, dedicación mínima das e os xogadores profesionalizados, etc…
A RFEF entende que polas características sociolaborais de xogadores e xogadoras, polo volume económico, pola existencia de contratos de traballo e por ingresos mínimos dos clubs participantes deben pasar a ser competicións profesionalizadas:
– A Primeira División de Fútbol Feminino
– A Segunda División de Fútbol Feminino
– A Primeira División de Fútbol sala Masculino
– A Segunda División de Fútbol sala Masculino
– A Primeira División de Fútbol sala Feminino
Crearanse tres Comités de Competición Profesionalizada distintos, un para a Primeira e Segunda División de Fútbol Feminino, outro para a Primeira e Segunda División de Fútbol sala, outro para o Primeira Fútbol sala Feminino . Tanto a cualificación como a creación destes órganos foron aprobadas hoxe pola Comisión Delegada da RFEF.