A REAL FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL CONSULTA Á ASAMBLEA XERAL OS CRITERIOS E DIRECTRICES PARA RESOLVER A FINALIZACIÓN DAS COMPETICIÓNS OFICIAIS NA TEMPADA 19-20

 

O formato elixido é unha votación por escrito ante a imposibilidade de realizar unha xuntanza presencial

A resolución de cada categoría poderá ser anunciada na última semana deste mes de maio unha vez se pronuncie primeiro a Comisión Delegada e despois o Comité de Competición

O artigo 54 dos estatutos da Real Federación Galega de Fútbol establece como unha das función da Comisión Delegada a modificación do calendario deportivo e as bases e normas de competición, pero sempre atendendo aos criterios e directrices marcados pola Asamblea Xeral. É por iso que o presidente e a súa Xunta Directiva decidiron convocar aos asambleístas para que estes marquen esos criterios e directrices habilitando ademais á Comisión Delegada para decidir sobre a resolución final das competicións oficiais na tempada 19-20. E como debido ás medidas sanitarias motivadas polo estado de alarma resulta imposible unha reunión presencial da Asamblea, esta foi convocada para a realización dunha consulta e votación por escrito, posibilidade que establece o artigo 40.2 do Real Decreto-Ley 8/2020, do 17 de marzo, que fixa as medidas urxentes extraordinarias do estado de alarma.

A consulta escrita xa foi enviada a todos os asambleístas, que teñen de prazo ata o 25 deste mes de maio para dar resposta comunicando as súas votacións. Será entón cando se reúna a Comisión Delegada para decidir sobre as bases e normas de competición que rexirán a resolución das competicións. E por último será responsabilidade do Comité de Competición aplicar esas novas bases e normas en cada unha das categorías do fútbol galego.

Polo tanto, a RFGF estará en disposición de comunicar como se resolven finalmente cada unha das competicións na última semana do mes de maio, cumprindo deste xeito de maneira escrupulosa coa regulamentación e cos prazos establecidos pola mesma.

Na consulta realizada aos asambleístas márcanse tres puntos de votación. Ademáis do xa indicado, tamén se consulta á Asamblea para que autorice as sesións por videoconferencia ou por escrito para o futuro. E tamén se consulta para que habilite á Comisión Delegada para fixar as bases e normas de resolución da tempada no caso do colectivo arbitral. Os puntos de votación son os seguintes:

  1. Aprobación, si procede, dos límites e criterios a sinalar, a modo de directrices, á Comisión Delegada da Asemblea Xeral da RFGF para que esta Comisión acorde as modificacións regulamentarias e das bases ou normas de competición que procedan en relación á resolución das competicións autonómicas da RFGF correspondentes á tempada 2019/2020 con motivo da pandemia do COVID 19.

  1. Inclusión nos estatutos da RFGF de maneira permanente da posibilidade de celebrar sesións e adoptar acordos, a través de sistemas de videoconferencia e de votacións por escrito, prevista nos artigos 40.1 e 2 do Real Decreto-Lei 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer frente ao impacto económico e social do COVID-19, adaptados ás circunstancias propias da RFGF.

  1. Aprobación, si procede, dos límites e criterios a sinalar, a modo de directrices, á Comisión Delegada da Asamblea Xeral da RFGF para que esta Comisión acorde as modificacións regulamentarias e das bases ou normas que procedan en relación aos ascensos e descensos de categoría dos árbitros de fútbol e fútbol sala correspondentes á tempada 2019/2020 con motivo do COVID 19.

Cabe recordar que o presidente e os membros da Xunta Directiva mantiveron reunións con todos os clubs galegos, desde a Segunda B ata a Terceira Galicia, así como con todos os equipos das categorías femininas, con prácticamente todos da especialidade de fútbol sala e tamén cos de fútbol gaélico. Os Comités de Fútbol Base e Fútbol Afeccionado foron igualmente escoitados. En definitiva, un enorme exercicio de transparencia que serviu para tomar boa nota de todas as opinións, as cales tamén se trasladan á Comisión Delegada.

-Foto : piratasdemuxia.es

-Texto : RFGF

 

 

 

 

 

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.