Finaliza a primeira fase de renovación de abonos do RC Deportivo 2025/26
Este pasado domingo ás 00:00 horas concluíu a primeira fase de renovación de abonos do RC Deportivo para a tempada 2025/26. Segundo datos facilitados polo propio club, un total de 25.214 persoas abonadas formalizaron a súa renovación dentro deste prazo inicial.
Dende o luns 28 de xullo, todas aquelas localidades que non foron renovadas pasan a estar dispoñibles para que os socios e socias poidan solicitar un cambio de asento ou asignar unha nova localización.
O período destinado ao cambio de localidade ou modalidade estará activo dende o martes 30 de xullo ata o 13 de agosto, exclusivamente para persoas que xa fosen socias na tempada anterior. Este proceso só poderá realizarse mediante cita previa.
En caso de que se solicite un cambio cara a unha bancada de menor prezo, non se reembolsará a diferenza económica. Pola contra, se se opta por unha bancada de maior custo, será preciso abonar o importe correspondente ao incremento.
Sen dispoñibilidade en Marathón Inferior
A bancada de Marathón Inferior (General) atópase completamente ocupada, tanto para novas altas como para cambios de asento. Por este motivo, o club solicita que aquelas persoas que teñan cita previa para esa zona e non vaian poder utilizala, procedan a cancelala para facilitar o acceso a outros abonados.
Paso de Soci@ Amigo e Nen@ Dépor a abono con asento
Dado que as citas previas están xa esgotadas, o RC Deportivo habilita un prazo extraordinario entre o 18 e o 22 de agosto para que as persoas con modalidade Soci@ Amigo ou Nen@ Dépor poidan facer o cambio a abono con localidade.
Este trámite realizarase de forma presencial na Oficina de Atención ao Deportivismo (Avenida da Habana s/n, A Coruña), por rigorosa orde de chegada e ata completar as prazas dispoñibles nas bancadas aínda libres.
O clube con máis socios da 2ª División
Segundo as informacións que aparecen por internet, tan só o Málaga se acerca as cifras da afección deportivista o haber superado os 25.000, pero hai que ter en conta que a cidade andaluza ten máis de 560.000 habitantes e unha área metropolitana de 1.1 millóns de habitantes, e tamén na nosa banda que o Depor é un equipo con socios en toda Galicia sendo segundo o INE, (Instituto Nacional de Estatística), o primeiro equipo na nosa comunidade cun 46% dos afeccionados.
No que se refire ao resto de equipos da 2ª División, xa moi lonxe estarían o Zaragoza, (21.000), Las Palmas, (21.000), Valladolid, (20.000).
Non temos as cifras de equipos da 1ª División pero si que imos camiño de estar antre os 10 primeiros xa que cando se acabe a 2ª fase cos trocos de asento hai unha espera de en toprno aos 7.500 que esperan por un asento en Riazor, maiormente xente xove.
-Texto e foto : Xosé Búa “Pirata”