A Peña Deportivista “La Kuadrilla” orgañiza a baixada en Gabarra Branquiazul antre Bilbao e Getxo, con presencia da Costa da Morte.

A representación da Costa da morte, “Bonano”, un vimiancés antre varios galegos emigrados, na histórica gabarra do deportivismo: “a tola idea nacida nunha cea que fará navegar ao Dépor por Bilbao, nunha gabarra branquiazul”.

Hai ideas que nacen para quedar nunha sobremesa entre amigos. E hai outras que, contra todo prognóstico, acaban converténdose en realidade. O próximo 18 de xuño, a ría do Nervión será testemuña dun acontecemento sen precedentes na historia do deportivismo e das terras vascas: unha gabarra chea de afeccionados do Dépor navegará entre Bilbao e Getxo para celebrar o regreso do club coruñés á Primeira División, emulando as baixadas en gabarra do Athletic Club.

Detrás desta iniciativa atópase a peña deportivista La Kuadrilla de Bilbao, un colectivo que reúne a galegos emigrados, afeccionados vascos e seguidores branquiazuis de distintas procedencias. Entre eles figura un representante da Costa da Morte, o vimiancés Javi Martínez “Bonano”, ex xogador do Fútbol da Costa, (porteiro no Soneira, Nantón, Porteño, ou Cabana antre outros), que e un dos participantes na construcción desta magnífica idea e será un dos participantes nesta singular celebración.

O día da cea onde xurdiu a excelente idea.

“O certo é que todo xurdiu nunha cea da peña. Falabamos do que podiamos facer en caso de ascenso e saíu a idea, un pouco tola, de mesturar o noso deportivismo coa cultura de Bilbao. E que mellor que unha gabarra de celebración?”, explicanos Bonano a Piratas de Muxía. “Aquel comentario entre risas acabou converténdose nun proxecto real. O Dépor ascendeu e os membros da peña puxéronse mans á obra”.

O día do Valladolid tralo ascenso comezou a moverse a maquinaria de La Kuadrilla : “Foi ascender e empezar a movelo todo. Hai xente na peña moi involucrada nesta idea. Enrique, que é o presidente, e Irene son probablemente os que máis están traballando nesta loucura”, comenta antre risas.

A actividade xa ten todos os detalles pechados. A embarcación partirá ás 20:30 horas desde Bilbao, percorrerá a ría ata Getxo e regresará ao punto de partida ás 22:30 horas. O prezo será de 25 euros por persoa e incluirá acceso á gabarra, barra libre de cervexa, kalimotxo, refrescos e auga, ademais da participación en sorteos de material oficial da peña. Iso si, “para embarcar será obrigatorio acudir vestido de branco e azul”.

Pero detrás da festa hai unha historia que comezou moito antes. La Kuadrilla naceu tras un partido do Deportivo en Sestao, cando varios afeccionados residentes en Euskadi descubriron que eran moitos máis dos que pensaban.

“A peña fundouse despois do partido de Sestao. Viuse que había moito deportivista en Bilbao e o presidente tivo a idea de crear unha peña. A verdade é que cada vez somos máis e seguimos sorprendidos da cantidade de xente do Dépor que hai por aquí”, relata Bonano.

Actualmente, a agrupación ronda os 70 membros e continúa medrando mes tras mes.

“Cando podemos viaxar para seguir ao equipo facémolo. Moitas veces temos que facer sorteos porque as entradas que nos envía o club non chegan para todos os que queremos ir, pero sempre buscamos a maneira de desprazarnos e apoiar ao Dépor onde sexa”, explica.

Cando non hai viaxe, o punto de encontro está perfectamente definido.

“A nosa sede é o Bar El Gordo, na rúa Pozas, que é a zona de bares por excelencia de Bilbao. Alí trátannos como se estivésemos na casa”, asegura, e nós recomendamos visitalo.

Aínda que entre os peñistas hai representantes de moitas zonas de Galicia, a Costa da Morte tamén terá a súa bandeira particular a bordo da gabarra.

“Da Costa da Morte só estou eu, pero hai xente de Monforte, Ourense, A Coruña e tamén moitos que teñen familia na comarca”, cóntanos.

Con todo, o dato que máis chama a atención é outro.

“O que máis nos sorprende é que hai peñistas de Bilbao e dos arredores que son do Dépor de toda a vida, sen ter familia nin ningunha relación con Galicia. Son do Dépor porque lles gusta o Dépor”, destaca.

Quizais esa sexa a mellor explicación do que sucederá o próximo 18 de xuño. Porque a gabarra deportivista non será só unha festa polo ascenso. Será a demostración de que o sentimento branquiazul segue vivo moito máis alá de Riazor.

Vestido de gala para firmar o día do seu casamento.

E mentres as bandeiras do Dépor ondeen sobre as augas da ría do Nervión, tamén navegará nelas un pequeno anaco da Costa da Morte da man dun vimiancés que, como tantos de nós ten o corazón partido…antre o branco e o azul do noso equipo, como o amosou o día da firma no seu casamento, e sobre todo nunca deixou de crer, coma o fan tódolos seus compañeiros/as da peña e todo o deportivismo.

Porque o Depor regresou á Primeira División. E a afección, unha vez máis, volve demostrar que non ten fronteiras, e que é un sentimento ao alcance de moi poucos clubes.

Os Piratas de Muxía tamén estamos na sede de La Kuadrilla

A nosa máis grande noraboa a tódolos/as que forman a Peña Deportivista “La Kuadrilla”, e o noso desexo que todo salga mellor do que esperan, que de seguro que así será…”Itzuli gara, eta presta daitezela, Depor hemen da!”.

 

.

-Fotos : Bonano

-Texto : Xosé Búa “Pirata”