A PEDRA D´ABALAR VOLVE A VIDA…

 

Corría o inverno do 1978 cando un forte temporal con vaga de mar descomunal e forte aparato eléctrico e chubascos dilubiais cando despertábamos ca nova de que a Pedra d´abalar, (o casco da barca da Virxe), tronzara pola parte do fecho. Esa noite o mar engulleu o recheo do Coido, tirou a parede da horta de Demetrio, (onde hoxe están as vivendas de protección oficial), e atravesou pola Camposa o pobo ata sair polo Malecón. Na ría o mar taponou de area os sumidorios o que fixo que antre o mar e a auga da chuvia a zona central do pobo na zona da Rúa Real quedase inundada entrando a auga nas casas con nivel máis baixo co da rúa. Imaxe icónica a do Jomato ca gamela pola Rúa Real axudando as persoas que tiveran que subir o piso de arriba o ter a casa inundada, e os postes das cabrias do secadoiro de Diz polo medio das rúas.

Triste día aquel para o pobo e en tempos que no había máis axuda para recobrar a normalidade cas dos propios veciños. Triste día no que o buque enseña de Muxía rachara. Falábase de que fora polo mar, a pesares de ser unha laxa, un monumento megalítico que xa vivira de todo en milleiros, ou millóns de anos. Tamén se falaba de que puidera ter sido un raio, pois apareceran marcar lonxitudinais polas pedras, como se chispas percorreran o granito mollado pola auga do mar e da chuvia, marcas que ainda son visibles nalgúns casos a día de hoxe. a nosa mole de 70 tonelas quedaba inerte e os peregrinos e romeiros só podían cantar o de: “Veño da Virxe da Barca, da Virxe da Barca veño…veño de abalar a pedra de abalar a pedra veño…”.

 

Non foi ata o 1998 cunha obra complicada se devolveu o sitio a mole con gatos hidraulicos, e xa se movía, pero foi tacuñada ata que se lle pegou o cacho roto de en torno a 3´5 toneladas. Usouse para pegala un pegamento especial e puxéronselle un nervos de aceiro unindo a parte rota a laxa grande.

Tivo problemas no 87, 97, e 98, ata que en xaneiro do 2014 volveu a romper, digamos, despegouse, e así quedou de novo inmovil, e en prevención de que o mar non levase o cacho pequeno foi trasladado o atrio do Santuario da Barca onde está exposto.

 

Os romeiros e peregrinos non puideron xa abalar a pedra e quedoulles o rito de pasar por debaixo da Pedra dos Cadrís, (a vela da barca da Virxe), ou ir pedir un desexo na Pedra da Cabeza e ir prometer amor eterno da Pedra, (ou furna), dos Namorados. Tamén quedaban os dous timóns, pero estes sin ningún rito.

 

A Virxe da Barca sobre a Pedra d´abalar.

Agora sen visos de reparación por parte de Patrimonio, a nosa Pedra quixo unirse aos trocos que está a experimentar o Santuario e neste ano que é Templo Xubilar decideu recobrar vida. Xa en Agosto hai que a veu moverse e agora co gallo da novena e simplemente con duas persoas a Pedra retrona de todo co seu son o bater pedra con pedra. Por canto tempo o fará?…quen sabe, o que sí para moitos é unha miragre e máis tendo en conta que o pasado 31 de agosto a Nosa Señora da Barca reestrenou unha antia que foi recuperada e que data do 1921, a mesma antia que se pode apreciar na vidrieira da fachada do Santuario.

Cando rompeu no 1978 todo o mundo no pobo o tomou como que era un mal augurio. Cando a pegaron e rompeu de novo varias veces, tomouse como que non quería ser reparada e agora por cuestións do mar ou de sabe Deus que, colleu a posición na que abala e volve queréndoo ela mesma, sen máquinas, sen enxeñeiros…Tivo a Nosa Señora enriba tal e como se lle apareceu a Santiago, segundo a lenda, e mirando morrer o sol no mar.

 

No día de onte os centos de persoas que estaban no atrio do Santuario durante a Novena, o non poder entrar no Santuario que estaba ateigado, quedaron abraiadas o sentir os petos da pedra cando a estaban abalando.

A Pedra d´abalar está de volta para a sua Romaría, (12-13-14-15 Setembro), e oxalá que sexa para bos augurios para todos.

Que a Nosa señora da Barca nos protexa a todos…

 

-Fotos e vídeo : Xosé Búa “Pirata”

-Fotos de arquivo-

Xesús Búa/Foto Lolas

La Opinión

Natalia Fernández