Tras ir superando un problema da vista por un virus collido no Hospital de Cee, do que ainda non estou de todo recuperado, estamos de volta coa información segundo poidamos :
A 9ª xornada da Liga de Futsal de Cee, disputada en dous días no pavillón municipal da Vila da Xunqueira, confirmou que a loita polo liderado está máis viva ca nunca, cun pulso espectacular entre tres equipos separados por apenas dous puntos.
O grande foco da xornada estaba posto no duelo do mércores entre o Nueva María Teresa e o Altamira FS, terceiro contra líder, e o encontro non defraudou en absoluto. Nun partido de altísimo nivel, intenso, igualado e con alternativas constantes, foi finalmente o Altamira FS quen se levou o triunfo por 3-4, demostrando oficio e personalidade nos momentos decisivos para manter o primeiro posto da clasificación.
Con este resultado, o Altamira FS continúa líder con 19 puntos, aínda que coa presión constante de dous perseguidores de entidade. O La Fontana, campión da pasada tempada, mantense segundo con 18 puntos en só sete encontros, á espera de recuperar o partido aprazado fronte ao Buen Camino, mentres que o Nueva María Teresa, pese á derrota, segue moi metido na pelexa con 17 puntos.
No resto da xornada, o Atlético Raíces superou por 4-2 á Panadería Pichín, nun encontro clave para afastarse da zona baixa, mentres que o Wash & Relax FS asinou unha das actuacións máis contundentes da tempada ao golear ao Batifondo por 4-9, resultado que lle permite achegarse á cabeza da táboa.
Clasificación (tras a 9ª xornada)
1º Altamira FS – 19
2º La Fontana – 18
3º Nueva María Teresa – 17
4º Wash & Relax FS – 16
5º Atlético Raíces – 10
6º Panadería Pichín – 8
7º Buen Camino – 2
8º Batifondo – 1
No plano individual, Bruno (La Fontana) continúa mandando con autoridade no Pichichi, con 28 goles, seguido de Marroko (Altamira) con 15 e J. Martín con 13. No apartado defensivo, o Zamora provisional é para Bruno (Nueva María Teresa) con só 12 goles encaixados, por diante de Campos (Altamira) e Josiño (La Fontana). En canto á deportividade, o Batifondo e La Fontana encabezan a táboa de cartóns, seguidos do Buen Camino.
A competición entra así nun tramo apaixonante, cunha Liga de Futsal de Cee aberta, igualada e cun nivel altísimo, na que cada xornada pode marcar diferenzas decisivas.
-Fotos e información : Javi “Marroko”
-Texto : Xosé Búa “Pirata”

