A Liga da Costa bota a andar o 14 de setembro coincidindo coa Romaría da Barca.

O fútbol da Costa da Morte xa ten data de regreso oficial. A 2ª Autonómica Futgal Grupo Único, máis coñecida por todos nós como a Liga da Costa, comezará o vindeiro 14 de setembro de 2025, unha xornada marcada tamén no calendario festivo da comarca, xa que coincide coa celebración da Romaría da Virxe da Barca en Muxía, declarada de Interese Turístico Nacional no 1989.

Este feito leva anos condicionando a asistencia dalgúns xogadores e afeccionados, pois son moitos os fieis a esta romaría ancestral. Con todo, a competición non se detén e dará o seu pistoletazo de saída esa mesma fin de semana.

Un calendario longo e apaixoante

A Liga da Costa disputará un total de 30 xornadas, prolongándose ata o 17 de maio de 2026, cando rematará a fase regular. Despois chegará o tempo das emocións fortes coa fase de ascenso.

  • O campión ascenderá de maneira directa á Primeira Futgal.

  • O 2º e 3º clasificado xogarán a promoción de ascenso.

  • Os dous últimos equipos da táboa descenderán directamente.

O Cabana visita o Porteño na primeira xornada.

A xornada inaugural

A primeira xornada, que abrirá o curso, trae enfrontamentos de moito interese e derbis comarcais que prometen intensidade desde o comezo:

  • C.F. Porteño – Cabana S.D.

  • Ponteceso S.D. – S.C.D. Malpica

  • C.D. Baio – Outes F.C.

  • Mazaricos C.F. – U.D. Corcubión

  • S.D. San Lorenzo – Sporting Zas

  • Xallas F.C. – Corme C.F.

  • Soneira S.D. – C.D. Muros

  • U.D. Monte Louro – Sofán S.D. “B”

A liga máis seguida da Costa

A Liga da Costa é, ano tras ano, a competición con maior seguimento na bisbarra, tanto en canto a afección como a repercusión mediática. Trátase dun campionato onde se mesturan tradición, rivalidade e unha forte vinculación social, sendo para moitos pobos moito máis ca un torneo deportivo: un verdadeiro punto de encontro veciñal.

Co inicio da liga ás portas, só queda que o balón comece a rolar e que os campos da Costa se volvan vestir de ambiente e paixón futbolística.

PREME AQUÍ para ver o calendario completo.

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”