O Campionato Galego Júnior de judo 2026, celebrado onte en Ferrol, deixou unha destacada actuación das deportistas da Costa da Morte, con Lucía Pazos e Aroa Blanco como grandes protagonistas na categoría de -63 quilos.
Lucía Pazos, natural de Merexo (Muxía), proclamouse subcampioa galega tras unha final moi igualada que se decidiu in extremis fronte á súa compañeira do CGTD, Leire Villamediana. A muxiana, que compite no seu último ano como júnior, realizou un campionato moi sólido, superando con autoridade as eliminatorias previas ata acadar o pase á final.
Nas semifinais, Lucía tivo que enfrontarse á súa compañeira do Judo Club Bergantiños, Aroa Blanco, de Coristanco, nun duelo comarcal de alto nivel. A vitoria foi para Pazos, mentres que Aroa non baixou os brazos e logrou recuperarse para gañar o combate polo terceiro posto, colgándose así unha merecida medalla de bronce no seu primeiro ano na categoría júnior.
Lucía e Aroa cos companeiros/as do CGTD.
Deste xeito, as dúas judocas do Judo Club Bergantiños confirmaron, unha vez máis, o seu gran momento de forma e o talento que atesoura a Costa da Morte neste deporte. Tanto Lucía Pazos como Aroa Blanco, xunto con Leire Villamediana, xa teñen a mente posta na súa próxima gran cita: o Campionato de España, que se celebrará en Pamplona o último fin de semana deste mes, concretamente o vindeiro día 31.
Un novo éxito para o judo da comarca, que segue sumando resultados e formando deportistas de primeiro nivel.
.
Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Fotos e información : Ali Trillo