A “III Challenge Júnior Carballo” reunirá esta fin de semana en Carballo a ciclistas de todo o noroeste español e Portugal.

A proba, organizada polo Club Ciclista Carballo, consta de tres etapas deseñadas tamén para poñer en valor a riqueza paisaxística do noso concello

Despois dun ano de ausencia obrigada, a Challenge Júnior regresa a Carballo para seguir promocionando ás promesas do ciclismo. Nesta terceira edición, que se celebrará o sábado 28 e o domingo 29, xa está confirmada a participación de 18 equipos do noroeste español e Portugal, segundo avanzou a presidenta do Club Ciclista, Vanesa Loureiro, no acto de presentación da proba. Con ela estiveron José Manuel Abal, en representación da Federación Galega de Ciclismo; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

A III Challenge Júnior Carballo constará de tres etapas:

  1. Razo-Monte Neme, unha contra-reloxo individual de 3,15 quilómetros que arrincará o sábado ás 11.00 horas.
  2. Avenida da Milagrosa-Avenida da Milagrosa: 90 quilómetros de percorrido polas parroquias do interior do municipio de Carballo e parte do de Coristanco, tamén o sábado ás 17.00 horas.
  3. Piscina Carballo Calero-Pedra do Sal: 76,4 quilómetros por un completo itinerario polo litoral carballés e zonas de Malpica, con saída o domingo ás 10.00 horas.

“Con estes percorridos, dende a organización quixemos resaltar todas as paisaxes do noso concello, costa e interior”, apuntou Vanesa Loureiro. De feito, un dos valores engadidos da Challenge Júnior é “o retorno económico” que ten no noso concello. Entre deportistas e persoal técnico, esta fin de semana aloxaranse en Carballo arredor de 130 persoas, ás que se sumarán os familiares que acompañarán aos deportistas.

Os 18 equipos confirmados, procedentes de Galicia, Cantabria, Asturias, Castela-León e Castela-A Mancha, así coma de Portugal, desprazarán ao noso concello a uns 90 corredores/as. “Veñen equipos de gran nivel, algúns deles veñen de participar na única proba da Unión Ciclista Internacional que se celebra en España”, subliñou a presidenta do Club Ciclista Carballo.

A cifra de participantes podería aumentar, xa que o prazo de inscrición continúa aberto.

A Challenge Júnior Carballo é a única proba do calendario galego que se disputa en estrada, unha circunstancia que a fai especialmente atractiva para as categorías ás que vai dirixida (júnior de 17 e 18 anos, féminas júnior, sub-23 e elite). A celebración da carreira provocará cortes de tráfico breves e puntuais polas zonas polas que pasa. Dende a organización agradécese a colaboración de condutores/as e público.

-Foto e Texto : Carballo Deporte/Concello de Carballo