A protesta continúa no Trofeo Teresa Herrera
A Federación de Peñas do Deportivo, Riazor Blues e Old Faces fan un chamamento conxunto animando aos soicos de Maratón Inferior, (General) a non acudir ao estadio nin liberar os asentos ante o partido contra o Real Madrid. Chamamento extensible ó resto de socio.
A poucas horas da celebración do Trofeo Teresa Herrera, a protesta contra as condicións impostas en Marathón Inferior continúa. A Federación de Peñas do Deportivo, Riazor Blues e Old Faces emitiron un comunicado conxunto no que fan un chamamento a todo o deportivismo para manter a mobilización e reclamar unha solución á situación que se vén producindo no estadio.
No comunicado, as tres organizacións sinalan que queren trasladar «a todo o Deportivismo» unha serie de medidas e peticións coincidindo co encontro que enfrontará ao Depor e ao Real Madrid no Trofeo Teresa Herrera.
A primeira petición é un chamamento directo ás persoas afectadas polas condicións de Marathón Inferior para que non acudan ao estadio durante a celebración do Teresa Herrera. As entidades solicitan á afección deportivista que secunde esta protesta e que, deste xeito, se volva reclamar «unha solución a unha directiva cada vez máis afastada da esencia do club e da súa xente».
O segundo punto céntrase na masa social que dispón de asento. As tres organizacións piden que non se liberen as localidades para este encontro. Lembran que o club obriga a asistir a un mínimo de partidos oficiais ao ano ou, no seu defecto, a liberar a localidade. Porén, ao tratarse dun partido amigable, consideran que o Trofeo Teresa Herrera non computa para ese mínimo anual obrigatorio, polo que a ausencia no encontro non debería penalizar o saldo de asistencia dos abonados.
Continúa a suspensión da animación
O comunicado tamén confirma que as organizacións manteñen de maneira indefinida a suspensión da súa actividade de animación no interior do estadio, como parte das medidas de protesta.
«Seguimos loitando pola nosa dignidade», sinalan, ao tempo que animan todo o deportivismo a continuar coas protestas e a non ceder na defensa dun modelo de club que consideran «xusto e respectuoso coa súa afección».
Federación de Peñas do Deportivo, Riazor Blues e Old Faces reivindican así que Riazor debe continuar sendo «o reflexo do que sempre foi» e rexeitan que o estadio se converta nun «escaparate comercial sen alma».
O comunicado conxunto péchase cunha mensaxe clara:
«RESPECTO PARA MARATHON INFERIOR.»
A protesta, polo tanto, continúa tamén no Teresa Herrera, cun chamamento das tres organizacións a manter a mobilización e a expresar o desacordo coas condicións impostas en Marathón Inferior.